campos. lugo. setenta anos de arte da calidade

O restaurante Campos, en Lugo, e despois de setenta anos de vida, segue tan en forma e fresco coma o primeiro día. Requinte e calidade a prezos dentro do razoable.

Restaurante Campos Logo2

Non hai moito lía unha fermosa reportaxe de Jorge Guitián para a revista Traveler. Ruta polos restaurantes centenarios de Galicia era o seu título e podedes acceder a ela aquí.
Atoparás desde Paz Nogueira (1840, Santiago, A Coruña) a  Casa Inés (1918, Cotobade, Pontevedra), pasando, por orde de antigüidade, por A Centoleira (1884, Beluso, Pontevedra), Casa Ramallo (1898, Rois, A Coruña), Casa Teodora (1910, Arzúa, A Coruña), Galicia (1916, Bahamonde, Lugo) e  Casa Lestón (1917, Sardiñeiro, A Coruña). Unha colección de iconas dificilmente igualable.

Restaurante Campos 152

Campos non é centenario pero vai camiño de selo.
Todas as delicatessen que Guitián lles dedica aos que están no seu listado son perfectamente aplicables ao Restaurante Campos. “Convén volver aos clásicos… E convén darlles a importancia histórica que teñen… Forman parte do noso patrimonio cultural, nun lugar que se dedica á cociña, pero no que tamén habita a nosa memoria… Defenden receitas que son xa parte do noso legado, do noso ADN… Eses muros son historia viva das nosas cidades e dos nosos pobos… E son, tamén, parte dos nosos recordos…”

Pois si, parte das miñas lembranzas.
Tiven a sorte de nacer nunha familia viaxeira que non reparaba en gastos á hora de brindar experiencias aos seus fillos, a min e aos meus irmáns.
As escapadas a Lugo eran habituais e as comidas repartíanse entre o Mesón de Alberto, uns anos, e o Campos, o ano seguinte.

Pasa dos cincuenta anos que no ía ao Campos.
Nesa teima polo moderno, pola novidade, normalmente buscamos restaurantes actuais; a última visita a Lugo foi, valga como exemplo, para coñecer Paprica.
Non renego desta teima, pero concordo con Jorge Guitián en que, de cando en vez, hai que volver aos clásicos.

Restaurante Campos 92

E hai que volver aos clásicos para saborear esas receitas que xa forman parte do noso ADN.
Neste caso, a perdiz.

Sorprendeume o lo local; a casona do século XVIII, en tres andares, condensa toda a historia do restaurante nun estado de conservación envexable; as sucesivas reformas respectaron a esencia nobre e requintada sen dar as costas á modernidade, a un certo toque de cosmopolitismo.

Tócanos en sorte o comedor Amparo, branco, moi luminoso, confortable; mandan as madeiras, pintadas e tamén ao natural; esa lámpada central que busca, desde o deseño máis actual, evocar as vellas arañas de cristal.
E, sobre todo, as paredes cubertas de debuxos nos que numerosos comensais renden a súa homenaxe a Manolo Campos, patriarca do establecemento.

Restaurante Campos Carta XornadasCaza

A carta é moi ampla: para compartir, arroces, carnes, peixes, de culler, mariscos, tapas curtas e racións…, e hoxe, ademais, as 52 xornadas de caza.
Cociña española, con atención especial ao produto e dominancia diso que se deu en chamar cociña burguesa.

Espectacular (en cantidade pero sobre todo en claridade e explicacións) a carta de viños. Despois de comer e da media horiña de repouso aínda hai que conducir ata Vigo, así que toca unha botella pequena, un Viña Pomal Crianza Centenario (14.5€), que cumpre á perfección.

Restaurante Campos 22

Agradécense os saúdos do xefe con esta crema de cabaza con aceite de chourizo. Vai un día de cans e serve para abrir boca e entrar en calor.

Restaurante Campos 23

Un clásico fixo nas nosas celebracións, o Mi-Cuit de parrulo (caseiro) con tostas de pan de aldea e compota de froita de estación y sementes de ajonjoli  con redución de amandi (21.90€). Non defrauda. Está no seu punto. Non me gusta moito a combinación coa compota de amorodo e prescindo dela.

Restaurante Campos 28

As luras da ría, fritas, coma sempre (22.90€). Acompañadas dun alioli moi lixeiro. Espectaculares.

Restaurante Campos 31

E, como non, o obxecto da nosa visita, a Perdiz á cazadora (elaborada coa mesma receita desde 1952) (Unha perdiz enteira, 15.90€). O dito. Unha desas elaboracións que hai que conservar como patrimonio da nosa gastronomía.
A perdiz, terna e tersa ao tempo, moi saborosa; as patacas cortadas moi finas e ben fritidas, embebidas no mollo; e ese mollo gordo, saboroso, perfectamente ligado, que é quen de acabar con todo o pan da mesa.

Restaurante Campos 342

Marabilloso peche de menú con este Capuchino: Milfollas de mousse de café, pasta filo e profiterois de nata (8.90€). Explosión de dozura, texturas e temperaturas na boca. Unha sobremesa moi, moi lograda. Das que deixan pegada por moito tempo.

Dous entrantes, un principal, unha sobremesa, auga, viño e café, 46€ por persoa.
Ben; son cartos, pero ben. Pagas a materia prima, as receitas clásicas, o requinte, a historia…
Perfecto para, como era o caso, unha celebración especial.

Restaurante Campos
Esteban Cortinas

Rúa Nova, 2-4
27001 Lugo
982 229 743
GPS:
restaurantecampos.es
Facebook
Instagram
Cociña: española, de mercado
Peche: domingo noite; luns
Prezo: 30-100€
Guía Repsol: Recomendado
TripAdvisor: Posto 8 da provincia de Lugo
Mellores restaurantes de Galicia C,LE: Posto 44