beiramar. marisco en estado puro

Beiramar. Marisco en estado puro. Destacar ofrecendo marisco, na epicentro, en O Grove, é sinal inequívoca de que alí se coce algo especial. Pagas, por suposto, pero paga a pena.

Beiramar OGrove 01

Se alguén merece un lugar de honra na historia da alimentación é aquel ser anónimo que un día foi quen de vencer todas as barreiras e meter na boca o que había dentro daquel bicho que lle debía resultar de feitura confusa, agresiva, desagradable, noxenta.
Apenas sabemos nada del (ou dela). Se comezou por unha nécora ou talvez pola cigala, se foi crúa ou pasada por algún sistema de cocción, se en vivo ou despois da morte, quente ou fría, en auga de mar ou salgada articialmente…
Logo foi a longa historia da gastronomía a que nos trouxo ata aquí.
Ducias de nomes, case todos tamén anónimos, que experimentaron e matizaron o que, dentro do imaxinario popular, hoxe é unha das máis elevadas exquisiteces para a maioría dos padales.
O que si, que probablemente falamos dun individuo de a pé, sinxelo, case seguro nacido da necesidade e guiado pola afouteza que o levou a esnaquizar milleiros de prexuízos que lle chegaban de dentro, pero tamén de fóra.

Beiramar OGrove 06

E a materia prima unida a mans coñecedoras e expertas que aprenderon a mimar o produto, converteron a Galicia nunha capital mundial do marisco.
E para moitos o cerne, aínda que sexa coa inestimable axuda do márqueting, sitúase en O Grove. (Sen menosprezar a ninguén e, cando menos, nas Rías Baixas).

Beiramar OGrove 08

E no Grove, en primeira liña de mar, está Beiramar.
Tratábase dun deses días nos que aproveitas calquera desculpa ou inventas unha celebración para darlle unha alegría ao corpo.
Estabamos na Illa e a alegría que pedía o corpo tiña forma dun bo marisquiño. Entre as múltiples e magníficas opcións a tiro de pedra, e coa idea de probar algo novo, as referencias leváronnos directamente a Beiramar (Guía Repsol, Guía Michelín, número un no Grove de TripAdvisor a día de hoxe…).

Arrodeado de competencia por todas partes menos por unha, o mar, e cando falamos dun mediodía de sábado de setembro, a iso das dúas e media houberon de colgar o letreiro de completo.
Comedor sobrio, moderno, coa decoración única dos acuarios do marisco e grandes cadros de pintura moi actual; non excesivamente grande –arredor 50 persoas–. Servizo atento e especialmente comprometido coa satisfacción do cliente.

Cociña mariñeira centrada no produto. Preparacións clásicas con pratos que inclúen algún detalle rompedor (a vieira ao forno, por exemplo, con fiúncho e curry entre outros condimentos). A maioría dos nosos veciños coinciden nos arroces, ben de mariscos, ben de lumbrigante… moi boa pinta… haberá que darlle unha oportunidade. Carta de viños suficiente, con protagonismo para os Albariños.

Beiramar OGrove 02

Como vimos ao que vimos, e despois duns deliciosos mexillóns en allada-escabeche, unha nécora para cada un, un boi e cigalas na prancha.

Beiramar OGrove 04Beiramar OGrove 07Beiramar OGrove 11

Sen maior comentario que as propias imaxes.
Nos tres casos produto das rías galegas que nos traen vivos directamente do viveiro antes de pasar pola cociña. Punto exacto de sal e cocción. Sen máis (nin menos).

Beiramar OGrove 13 Beiramar OGrove 14

Boa carta de doces da que probamos a filloa e o flan de chocolate. Broche de ouro para un capricho de comida.

O prezo… ben… alto… Pagamos 56€ por cabeza, o que dada a calidade do produto, o nivel do local, etc., tampouco se pode considerar desproporcionado. Pareceunos axustado, como para darlle unha oportunidade ao arroz.

Beiramar
Avda de Beiramar 30
36980 O Grove (Pontevedra)
986 731 081
Web
GPS: 42.495464N, -8.862388O
Cociña: tradicional, mariñeira
Peche: Domingo noite e luns (agás verán)
Prezo: 35-40€ (sen marisco)


Translate »