avenida da ponte 315, arousa

Na Avenida da Ponte 315 hai un bar de sempre. Un pouco de tapado, asoma xa como un referente na Illa. Racións, tapas, bocadillos e peixes a prezos moi apetecibles.

IMG_20211009_162407703.MP

Pouco que comentar.
Café-Bar Avenida da Ponte 315.
O nome lévanos directamente ao local, e o local non é máis que un bar de toda a vida.
Daqueles que adoitaban facer os envoltorios do azucre personalizados.
Era un costume fermoso. Non sei como, nin cando, nin porqué, (nin por culpa de quen) se perdeu.
Meu pai, durante toda a súa vida, dedicouse a coleccionalos, primeiro as envolturas dos terróns e logo aquela modernidade dos saquiños. Todo un mundo de creatividade e deseño. Toda unha arte a de usar o azucre sen esnaquizar para manter o envoltorio impoluto. El non saíu de España, Portugal e Francia, pero tiña alumnos que lle traían exemplares de todo o mundo. El, con meco, despregábaos, púñalles un punto de goma arábiga, e pegábaos en cartolinas de cores cortadas a tamaño folio. As cores diferenciaban temáticas e os álbums procedencias. Había azucreiras que, personalizadas ou non, facían coleccións completas (de traxes rexionais, de coches, de bandeiras, de monumentos, de peixes…); neste caso, e dentro de cada referente xeográfico, a clasificación era por temas.
Cando meu pai faleceu, enviámoslle toda a colección a unha amiga catalana; tiveron unha longa e amable relación de cartas e intercambios e en vinte anos non chegaron a coñecérense en persoa.

IMG_20211009_163012871.MP

Sen publicidade, reservado –case– ás xentes locais, cada día que pasa o café-Bar Avenida da Ponte gaña máis adeptos entre as xentes de fóra.
Este sábado, por exemplo, tiñan todo ocupado; o comedor interior –algo escuro, mesas de formica e serraduras polo chan– e a agradable terraza exterior. Desde esta, vimos pasar todo un desfile de pobres inxenuos que pretendían mesa sen ter reservado, ás veces, dous ou tres días antes.

O éxito vén dun trato coma se foses da familia, dunha boa man para a cociña, en base a produtos de luxo, e de prezos que poden chegar a dar un pouco de vergoña en quen ten que pagalos.

A carta non ten segredos. Unha boa oferta de petiscos en forma de racións; os indispensables peixes, e un par de exemplos de carne (Costela de tenreira 14€, e filete de croca 12€). Ademais, ‘Pratos con patacas’ (luras, 7€, xamón asado 6.5€, pincho moruno ou ovos fritidos), e unha boa colección de bocatas (polbo 6€, lombo 3.20€, bacon 3.20€ ou o clásico bocata de xamón asado, 3.5€), con capítulo propio para as hamburguesas (simpe 2.20€, completa –con queixo, xamón e vexetais, 2.70€–, e especial –queixo, xamón, bacon, ovo e vexetais, 3.20€–.

Petiscos e racións: as ameixas con prezo segundo o mercado; zamburiñas 15€, polbo con patacas 14€, xamón asado (5/10€), pementos (5/8€), etc.

Un dos pratos fortes son os peixes que, ao seren de mercado, teñen un prezo e dispoñibilidade que depende do día; neste grupo están os corbelos, os chinchos, as doncelas, fanecas, sardiñas, linguados, salmonetes, etc. Na outra banda están o peixe sapo (en caldeirada ou na prancha, 14€), o bacallau (10€), as luras (16€) ou os chopos (12€).

IMG_20211009_144710519.MP   IMG_20211009_145741749.MP
IMG_20211009_152051612.MP   IMG_20211009_154113124.MP

Somos catro e pedimos dúas de empanada de zamburiñas (millo), mexillóns, luras e polbo; dúas botellas dun viño caseiro da zona de Ourense pero sen DO (aceptable en termos xerais e bo se valoramos o prezo); dous flanes de café e dous de queixo e cafés. A comida resultou suficiente. A racións son amplas e renden ben.
O nivel medio da cociña é moi bo, sen altibaixos, sen sorpresas, ningún do pratos resulta excepcional (non é o polbo do Saratoga ou as luriñas da Meca), pero todos sen excepción resultan deliciosos, con dificultades para pronunciarme por algún deles; a empanada cunha masa de millo excepcionalmente fina e ben traballada; o polbo no punto exacto de cocción; as luras –pasadas por fariña e ovo, quizá é o que boto en falta, que non estean rebozadas só en fariña, cuestión de gusto– saben a mar e están moi ben fritidas e nada graxentas; os mexillóns, de primeira, grandes e fermosos, abertos sen máis ao vapor, son deses que conseguen que estea empezando a afeccionarme a eles; con unha pinga de limón, unha nada máis, empezo a recoñecelos como bocado de deuses.

O persoal moi accesible, simpático e dilixente, colabora ao éxito absoluto.

IMG_20211009_155930099.MP   IMG_20211009_155940982.MP

Pagamos 14€ por cabeza. Si, un prezo de risa para unha comida tan, tan rica.
Pareceume tan barato que ao chegar a casa analicei a conta con calma e decateime de que non cobraran as catro sobremesas. Así que alá me fun, a reclamar. Benito quedou desconcertado e con cara de bos amigos e profusión de agradecementos dixo que as sobremesas corrían da súa conta; resistinme un pouco alegando que na situación contraria tamén iría a reclamar e que eu non perdoaría, pero non fun quen de descabalgalo da moto.
Así, realmente, a comida saíu por 14€; no caso de contar a sobremesa, cada unha a 3€, o prezo tería ascendido a 17€ por cabeza, que segue a ser barato en proporción á calidade e cantidade do que comemos.

Agora que abrimos a porta, volveremos, seguro.

Café Bar Avenida da Ponte 315
Avda da Ponte 315
36626, A Illa de Arousa (Pontevedra)
986 52 72 74
GPS: 42.557768N,  8.864712O
Cociña: tradicional, racións, peixe, bocadillos
Prezo: 10-20€

Posted in pontevedra, restaurantes and tagged , , , , .