auténtico polbo de arousa no saratoga

Lembro que acabados de chegar á Illa, e na procura de referencias gastronómicas, poucas coincidencias había; en xeral opinábase dos bares e restaurantes como se fala da feria: segundo a cada un lle vai nela.
E para unanimidades apenas unha: a polbo do Saratoga (din as malas –e paréceme que interesadas– linguas, que era o único local da Illa que puña na mesa auténtico polbo da ría de Arousa). O problema era que, fóra o polbo, non había maneira de completar un menú.

Saratoga 04

Pero a cousa vén de cambiar.
Despois do arranxo da terraza traseira para convertela nun espazo absolutamente marabilloso, ampliaron a oferta a outros produtos do mar local: unhas luriñas, as navallas, zamburiñas, croques…, todo cunha calidade superior e preparados con man experta, incluído o novidoso (aínda que noutros lares, como Aguiño sexa un clásico), bocadillo de polbo.

IMG_0208

A vista, a posta de sol que vedes, é motivo máis que suficiente para visitar o Saratoga para unha merenda-cea.
Fomos varias veces, probamos varias especialidades, e todas son recomendables.
Por ceñirnos ao modelo clásico deste blog, comento unha cea concreta. Eramos 5 adultos e Roi. Unha botella de albariño e auga grande.

Saratoga 10

Do polbo estilo feira pouco hai que dicir. Pode estar entre os tres mellores que nunca poderemos probar. No seu punto de malleira, no seu punto de cocción, no seu punto de sal, de aceite, de pemento picante (para algún dos presentes tira un pouco de máis do viño).

Saratoga 06

As luriñas, fritidas como adoitan facer por aquí: rebozadas pero sen ovo.
A min gústanme especialmente deste xeito; atópoas como máis ao natural, como menos ‘vestidas’. Estas, en concreto, están moi boas; cando menos ao nivel do Pescador.

Saratoga 08 

Deixo para o final as zamburiñas. Na prancha e cun mollo de limón están certamente sensacionais.
Claro que ao pedilas nos avisan de que non son zamburiñas senón ‘volandeiras’.
E este inocente comentario deu pé a unha pequena investigación de campo.
Que son as zamburiñas?, e que as ‘volandeiras’?, como diferencialas?, cales son máis ricas?, e máis caras?…
O primeiro que atopo no Dicionario de alimentación e restauración de Manuel González (ver) é que en galego o de volandeira estaría mal utilizado; o nome normativizado sería vieiriña ou tamén voadora. Ou sexa, que o que coñecemos como volandeira vén ser unha vieira pequeniña, unha vieiriña; sorpréndeme; iso de volandeira soábame moi galego…
(No dicionario da RAG non aparece ningún dos termos polos que nos referimos ás vieiriñas; nin voadoras, nin volandeiras, nin volanteiras, como tan teño visto por aí)

VieiriñaZamburiña

Nótense as diferenzas. A da esquerda é unha vieiriña (ou ‘volandeira’, próxima á vieira, de cor máis clara, con dous protuberancias na parte máis estreita, cun número limitado de sucos ou costelas –arredor das vinte–.
A imaxe da dereita corresponde a unha zamburiña: máis escura, protuberancia só dun lado, maior número de sucos, superficie máis rugosa… (fonte: begiak)
(Outra cuestión sería recoñecelas cando nos presentan só a carne, sen cuncha; resulta algo máis complicado e teño que estudalo mellor; quizá outro día…).

Saratoga 07

Que cales son mellores? Home, pois nos gustos pasa como nas cores, cada un ten os seus e eses son sempre os mellores.
Mergullando en Internet atopo certa coincidencia en que a carne da vieiriña é máis saborosa, menos dura, moito máis sutil…, en definitiva, mellor bocado.
Claro que quen manda é o mercado e a imaxe pública, e a zamburiña ten mellor prensa que a voadora; tamén un prezo bastante máis alto no mercado.
Cuestión ben absurda se nos fiamos dos expertos que nos din que realmente a carne mellor é a da vieiriña (non esquezamos que no fondo vén sendo unha especie de irmá pequena da vieira).

Saratoga 01

Está claro que no Saratoga nos puxeron vieiriñas, e nos avisaron, e cobraron como vieiriñas e non como zamburiñas. E podo certificar que estaban de morte.
Dúas de polbo, dúas de luriñas e dúas de vieiriñas, coas bebidas, foron algo menos dos 67€. Ou sexa, unha panzada de mar por 13€ cada un.
Este vai ser un caso no que, sempre que non tenten enganarnos a carteira, case imos agradecer que nos metan gato por lebre.

Café Bar Saratoga
Rúa do Campo
A Illa de Arousa
Teléfono 986 551 106
GPS: 42º33’48.3"N  8º52’20.0W
Localización en Mapas de Google