, ,

auténtica cozinha da terra

Na tradición cristiá aspectos como o sacrificio, a penitencia, o sufrimento, a aflición, son valores engadidos que ofrecer a un deus que eu non imaxino feliz ante o padecemento dos seus fillos.
Tanto, que chegaron a embeber a sabedoría máis popular e derivar en sentencias como aquela de que "quen algo quere algo lle custa".
En galego diriamos que para coller troitas hai que mollar o cu ou o de que non hai atallo sen traballo.

logo_cozinhadaterra

Levabamos anos agardando a oportunidade de visitar o Cozinha da Terra. Para nós, os galegos, queda, case, fóra do mundo. Mínimo, entre hora e media e dúas horas de coche nas que, no treito final, o GPS resulta ser un aliado imprescindible. Se a recompensa está en relación co esforzo, esta da Cozinha da Terra é dobre.
Trátase do restaurante da Casa Louredo de turismo rural e está en plena ruta dos móbeis, no lugar da Herdade, en Louredo, no municipio de Paredes.
O Cozinha da Terra figura practicamente en todos os listados portugueses de grandes restaurantes. Desde 2005 figura de xeito case ininterrompido como Garfo de Ouro da guía Boa Cama, Boa Mesa; é un dos destacados do crítico José Silva; mesmo chegou á lista dos 100 mellores restaurantes de Portugal-2010 do blog Mesa Marcada (lista elaborada por profesionais de todo Portugal).

Cozinha da Terra 02Cozinha da Terra 04

Chegar ao lugar da Herdade é case unha aventura… pero paga a pena.
O local é unha vella casa de labradores avastados do s. XVII. Manda a pedra e a tradición. Diferentes espazos usados como comedor, pequenos pero suficientes, decoración mínima baseada en argumentos do que foi a propia casa.

Cozinha da Terra 17 Cozinha da Terra 11

Se ao contorno, á decoración, á cociña… lles sumas a feitura e o saber estar da propietaria, Teresa Ruão, sénteste felizmente transportado a ese século XVII do que fala a historia do local.

Cozinha da Terra 23Cozinha da Terra 22

Ao sentar, na mesa atopas un pratiño de olivas outro do que semella un guiso de pataca e o pan. O guiso resulta ser un queixo macerado nunha allada moi, moi suave e con tropezóns de pasas e améndoa en anacos moi pequeniños. Un dos sabores do día, unha sorpresa deliciosa.

Cozinha da Terra 25Cozinha da Terra 24

O viño pode ser da casa (branco ou tinto, maduro ou verde), ou ben da selección da carta. Pedimos o tinto maduro e resulta ser un Douro, dos Lavradores de Feitoria, do 2011, etiquetado para o Cozinha da Terra. É o viño dunha especie de cooperativa de dezaoito ou vinte pequenos produtores do Douro con quintas nas tres subrexións (Baixoe Cima Corgo e Douro Superior).
Un viño que sen ser un excepcional, dá a cara e mantén o tipo nos diferentes momentos da comida.

Cozinha da Terra 21logo

O paso seguinte é contestar a una pregunta moi sinxela, queren entrantes?
Contestamos que si e deixámonos facer. Na orde das fotografías: bola de carnes, setas salteadas, patantiscas de bacallau e gratinado de legumes.
Os catro simplemente exquisitos; por moito que en Portugal non guste este calificativo, non teño outra que utilizalo: catro bocados exquisitos.
Destacar algún deles? Pois se cadra, o máis popularizado, o que podes atopar en case calquera restaurante ou bar do norte de Portugal: as pataniscas. Poucas veces, por non dicir ningunha, tan esponxosas, tan suaves, tan saborosas, coa cobertura tan crocante como esta. Unha delicia. 

Cozinha da Terra 26 Cozinha da Terra 27Cozinha da Terra 28Cozinha da Terra 29

Todos os pratos fortes son preparados para dúas persoas. Despois de moito dubidar e dar voltas, decidímonos polo que a señora Teresa nos di que é un dos seus pratos estrela: o bacallau en bola de pan.
Para chegar a esta decisión houbemos de deixar na cuneta, e con moita dor de corazón, tentacións como os rojões de porco caseiro, o suflé de peixes e camaróns ou o arroz de pato (prato este que lle valeu ao Cozinha da Terra o 1º premio nacional no Concurso de Gastronomia em 2002).

006Cozinha da Terra 31

O prato vén sendo un bacalhau, elixido, de posta alta e boa lasca, apenas escaldado, metido dentro dun pan, sobre cama de legumes, e cociñado no forno.
O resultado, unha marabilla. Contundente e excesivo, en especial despois de todas as entradas, pero din boa conta da miña parte.

Cozinha da Terra 32Cozinha da Terra 33

As sobremesas, se isto é posible, avantaxan ao resto da comida na súa esencia de Portugal: auténtica cociña da terra, tradicional, popular, ao máis puro gusto portugués, cunha dozura que, no caso do meu prato, raia no empachoso.
Tomade nota: queique de noces con xeado de ovos-moles e mollo de crema de ovo. A revista Visão Gourmet valorou esta combinación como unha das dez mellores sobremesas de Portugal.

Se a todo o anterior sumamos unha factura que estivo arredor dos 30€ por cada un dos dous, e que vivimos o momento que economica e gastronomicamente nos toca vivir (as diferentes entradas de Jorge Guitián sobre o que el deu en definir como posibilismo, ou de como adaptarse -que non degradarse- resultan moi esclarecedoras neste senso), se imaxinas que a comida de hoxe ben podería ‘valer‘ 90 ou 100€ e custou 60, o resultado é unha valoración altísima para esta Cociña da Terra. Un lugar que, malia localización, resulta altamente recomendable.
Haberemos de volver. Seguro. E espero poder levar con nós aos nosos compañeiros de deveceres portugueses: Pepe e Merce, e Luis e Luz.
O Cozinha da Terra é deses lugares para compartir sensacións. Tamén para compartir e poder probar eses segundos pratos de ración dobre.

Cozinha da Terra
Teresa Ruão
Lugar da Herdade, 8
Louredo. 4580-582 Paredes
Teléfono: 351 255 780 900
E-Electrónico
Web (algunhas das fotos insertadas na entrada son da web)
GPS: 41º14’09"N   08º20’45"
Localización en Mapas de Google