asturias, si yo pudiera, si yo supiera contarte…

Estraña mestura.
Un coctail explosivo que ameaza con estoupar e revolucionar a zona.
O nome, moi americano el, e do máis in, vén herdado e semella dedicado a todos aqueles que están en: BeachEscola Playa de Patos.
O lugar, a propia sona o indica: a praia de Patos, en Nigrán, un areal dos máis fermosos da privilexiada costa pontevedresa, auténtico paraíso do surf. Vistas impecables e un simple seto de separación entre o restaurante e o areal. O resto queda en mans dos meigos da climatoloxía.
A alma mater, un asturianu de feito e sentimento. Rafael Palacio (Falo para os máis achegados) é e exerce de fillo deste paraíso hermanu que é Asturias.

P1070191

Tratábase da comida de fin de curso, eramos doce, iamos con menú e prezo pechados e tamén cun certo enchufe.
O local é básico pero resulta moi agradable; todo madeira e cristal e unha evocadora sensación de estar no medio, entre dentro e fóra, entre onte e hoxe; o merendeiro de praia de toda a vida. 
Malia todo, e se os meigos dan a súa beizón, mellor nalgunha das mesas de fóra.

P1070190 P1070235

Trato afable e próximo sen perder a corrección.
Carta variada e moi ampla, válida tanto para unhas tapas de tardiña de xullo, despois do baño, como para unha reparadora papatoria de xaneiro con cumio inevitable nunha auténtica fabada especial (por encargo, momento único en que poderemos ver ao propio Falo aos mandos dos seus fogóns).
Como non podía ser menos, a oferta céntrase no produto (seleccionado e traído directamente) e nas elaboracións dese mundo exquisito e variado que é a gastronomía asturiana. Chosco, cabracho, conservas especiais do Cantábrico, picadillo de matanza, tortos, queixos, etc. Acertada oferta vexetariana, atractivas concesións ao peixe e á carne (bacallao, bonito, diferentes partes do novillo…), e para os máis aferrados ao clásico, tamén pratos de sempre (tortillas, croquetas, ensaladas, chourizos, empanadas, etc.).

P1070196P10701972P1070240

Carta de viños que, sen ser ampla, si resulta equilibrada e atractiva, con seleccións especialmente coidadas polo propio Falo; moi por riba da media dun local destas características. Prezos axustados.
Non pode faltar a sidrina, con escanciador humano ou un interesante artiluxio mecánico que serve para batela e darlle vida dun xeito máis que decente.
Bebemos Bouza do Rei e Valtravieso, reserva de 2003 en botella magnum.

P1070199 P1070202 P1070208

Comezamos cun Pudding de cabracho sobre leituga xuliana, cenoura e salsa rosa, as Anchoas do Cantábrico (Salabardo, como todas as conservas, www.salabardo.com) e Croquetas de lacón e chosco de Tineo. Como os profanos non sabemos de que vai isto do chosco, tráennos un prato para probar (Chosco de Tineo con lombarda agridoce e mazá reineta): cabeceira de lombo non excesivamente curada; lémbrame moito ao salpicao portugués, máis saboroso e menos afumado.
Todo exquisito; se tivese que pronunciarme, diría, por esta orde, que por riba de todo as croquetas (realmente fantásticas), logo as anchoas e o pudding.

P1070212 P1070206

A continuación chegou a Ensalada Ilustrada (leituga, tomate, cebola, pataca cocida, ovo, bonito e espárragos). Produtos de primeira aderezados con aceite virxe e vinagre de Módena. Resultado perfecto.

P1070226 P1070231

A seguinte etapa estaba no Bacallao ao estilo da casa con patacas panadeiras. Ben. Sabedes que o meu aportuguesamento se manifesta nunha marcada predilección polo bacallao en calquera dos mil e un xeitos de preparalo, así que neste caso non podo ser demasiado obxectivo; gustoume; saboroso e delicado. 
O prato de carne é un Torto asturiano con picadillo e ovo frito. Para empezar, e copio da carta, o torto ‘está feito con unha ou varias fariñas amasadas con auga e sal, e forma parte da gastronomía rural asturiana desde hai moitísimos anos. Era típico cear uns tortos con leite antes de deitarse. Desde hai quince anos, dignificáronse e fixéronse parte dos produtos que se poden comer en calquera sidrería ou ‘chigre’…
No tocante ao Picadillo da matanza, ‘é o produto existente antes de embutir o chourizo’; como resultado, unha carne semellante á nosa zorza -bastante picante- pero en anacos moi pequenos e magros, vai sobre o torto e cun ovo por riba; o torto e o ovo serven para contrarrestar a intensa forza da carne; prato delicioso pero reservado para padales aguerridos afeitos ás sensacións máis intensas.

P1070242SidrinkP1070245

Para lavar as bocas, nada mellor que un sidrink: combinado de froitas sobre base de sidra; especialmente recomendado para condutores. Rico e moi, moi refrescante.
As opcións de sobremesas están entre un variado de queixos asturianos e un variado de doces. Difícil decisión que, ao non haber acordo, acaba nun pouco de todo.

P1070249 P1070250

Os queixos son catro: Afuega’l pitu (queixo de vaca que se produce en numerosos concellos, destaca por produción o de Grado; ten moitas variedades en función do amasado, se levan ou non pemento, curación…). La Peral (queixo de vaca que logo se mestura con manteiga de ovella, concello de Illas; é un queixo do tipo dos azuis), Ahumado de Pría (mestura de vaca e ovella; Pría está no concello de Llanes; tamén sen afumar), e Azul Madelva (mestura de vaca e ovella, concello de Piloña, tamén é do tipo azul). Momentos de éxtase para os máis queixeiros. Cada un no seu estilo, saborosísimos.

P1070254
P1070255P1070256

Da parte dos doces, xa vedes, só hai que meterlle o dente.
Torta de queixo, Flan de morango e Touciniño de ceo.
Xúrovos que o sabor non desmerece en nada á feitura.
Os prezos en carta son moi equilibrados; aínda que ás veces a cualidade impecable dalgunha das materias tira para arriba, en xeral parecéronme baratos.
Por todo o anterior, con cafés (por certo, para chegar a algures hai que coidar todos os detalles, do primeiro ao último: o café pareceume sensacional) e chupitos, pagamos 20€ cada un. Certo que houbo un certo trato de favor, pero en condicións normais seguiría a ser un prezo atractivo.

P1070216   P1070259

Segundo ese meu particular criterio, que xa coñecedes, un local para, sen ningún tipo de dúbidas, repetir.
De feito xa me tarda o momento de volver ao meu aire e probar outras das seduoras ofertas da carta. Recomendable para todo tipo de públicos con mención especial a galegos asturianizados e asturianos deprazados; en fin, como escrbiu Pedro Garfias e ben cantou Víctor Manuel, para hijos de mi misma madre…

Restaurante da BeachEscola Playa de Patos
Camiño do Rego do Forno. Praia de Patos.
Nigrán (36350)
Teléfono: 986 366 020
Móbil: 676 462 101
GPS: 42º09’14.03”N   08º49’35.48”W
Localización en Mapas de Google