así, non

A entrada de hoxe vai ligada de orixe á que teño pensada para escribir mañá: así,si.
As dúas son os polos contrarios dun mesmo concepto, dese que xa se tornou nun lugar común da comunicación e que podemos traer ao noso terreo como a sostibilidade na restauración.

A cuestión de fondo vén sendo que nos momentos de recesión económica todos temos que repensarnos para que a nosa actividade resulte sostible.
Todos.
Fálase moito das consecuencias da crise no mundo da restauración e os comentarios céntranse nos locais de gama máis alta, nos grandes cociñeiros do país.
Sen embargo creo non andar moi descamiñado se afirmo que onde máis mella está a facer a depresión é nos locais de tipo medio; ou sexa, na gran maioría; aqueles que, desde a máis absoluta corrección ata a máis anodina das mediocridades, non destacan nin pola excepcionalidade da súa cociña, nin pola asequibilidade dos seus prezos. A lista de restaurantes históricos de Galicia destas características que houberon de pechar as súas portas nos tres últimos anos resulta estremecedora.

Baiona desde Paco Durán

Co gallo do nadal, quen máis quen menos aproveitamos para reunirnos e celebrar comidas ou ceas que xa están bautizadas como ‘de grupos’. De empresa, de amigos, de equipo deportivo, de compañeiros de instituto, de asociacións, partidos, sindicatos, gremios, veciños, colegas…
En fin, o de menos son os motivos, que hai case tantos como individuos, cada un coa súa propia idiosincrasia. Claro que, en demasiados casos, o de menos tamén é a comida, o importante é estar xuntos. En moitos casos o que se prima é a cantidade de xeito que estas reunións deben resultar pantagruélicas, ou acabar no baile de turno… Cada vez máis tamén hai que contar co prezo…
Estas reunións son, de feito, un negocio con gran proxección. A oferta é case infinita e hai que axustar nos prezos.
A custa de que?

Paco Durán 1

Este ano os colegas do instituto atopamos un opción moi atractiva.
Entrantes variados, peixe ou carne escollido no momento da propia carta do local, selección de sobremesas, viños branco e tinto (o tinto, por exemplo, Cune), chupitos, cafés… Total, 30 euros por persoa.
A oferta viña dun local de non moita traxectoria pero de fiabilidade acreditada: está na Repsol e é Bibgourmand de Michelín; Xoán Pobo tamén ditou veredito e alcanza un lugar entre os 30 mellor valorados en toda Galicia en TripAdvisor.
Local bonito, vistas espectaculares sobre Baiona, servizo amable e eficiente…
Entrantes variados en doses xenerosas: croquetas, calamares, empanada, ameixas á mariñeira, tortilla, polbo e non lembro se me queda algo no tinteiro. Claro que algúns eran conxelados, outros fritidos había horas, a maioría requentados…
Para o prato, efectivamente elección da carta… Pena que o día anterior e a noite foran malas e non había moita oferta de peixe no mercado; casualmente non había os pratos máis caros da carta (algún deles, por carta, de vintetantos euros por ración). Os que si había, o meu bacallau en concreto, quedaba bastante lonxe dos recoñecementos que adornan o local…

Paco Durán 2

A miña opinión é que así, non.
É algo máis complexo, pero de maneira xeral, un local das características do que estamos a falar xoga con cinco variables: gastos xerais, oferta, calidade, cantidade e prezo. Supoñendo que os gastos xerais xa están axustados, e do que se trata é de competir por prezo, non queda outra que xogar coa oferta e co binomio calidade-cantidade.
Non é o mesmo ofrecer xurelo que robaliza; pero, o que sexa, por favor, de calidade; mellor o xureliño acabado de pescar que unha robaliza de piscifactoría conxelada hai dez meses a saber en que condicións…
E segundo. Moito mellor calidade que cantidade (cando menos para min). Eran necesarios seis ou sete entrantes? Non sería mellor apostar por un ou por un par deles pero mantendo a calidade que se lle supón ao restaurante?
Eu persoalmente teño claras as respostas e tamén o veredito: non, así, non…
E tamén as consecuencias: visto o visto, non creo que volva ao restaurante do que estamos a falar e que, a estas alturas, xa temos perfectamente localizado…