asador castelán acebo, en vilagarcía

O Asador Acebo, ás portas de Vilagarcía, pareceume un local inxustamente descoñecido fóra da súa área de influencia.

Asador Acebo 02 

Certo que a competencia en asadores-churrascos é abundante en Galicia, pero poucos hai que presenten unhas credenciais de ‘asador castelán’ tan claras como o Acebo.

Asador Acebo 10Asador Acebo 12

O local dista moito tanto do típico ‘churrasco’ como da clásica decoración ‘castelá’. Estamos ante un comedor especialmente coidado: amplo, minimalista, moi luminoso e claro, elegante, colorista, con reservados, ampla terraza con vistas ao Pazo Rial… características que o converten en especialmente atractivo e agradable.

Asador Acebo 15Asador Acebo 17

Á carta, ampla e variada, hai que engadir a oferta dalgunha delicatessen do mercado do día; hoxe en concreto, unhas xoubas, pementos de Padrón e luriñas da ría (por certo a 60€ o quilogramo). Os entrantes divididos en Mariscos, Ibéricos, Ensaladas e Outros; Peixes (con destaque para os preparados na prancha -linguado, cherna, robalo, pescada…- e uns atractivos peixe sapo e bacallau á moda do Acebo). E, por suposto, as carnes; os cuartos de año de leite (churro) e de bacoriño (con DO e etiqueta de garantía) son as estrelas de orixe castelá, pero, ademais, diferentes cortes de tenreira, de porco ibérico, ou a costeleta de boi. Boa oferta de viños para decantarnos por un Ribeiro branco e un Valdeorras tinto -Pagos de Galir-.

Asador Acebo 22Asador Acebo 21

Somos seis (os seis da Illa, cos dous Luises, Luz e Flori), e pedimos unhas xoubas con pementos de Padrón, e unha ensalada de perdiz. As xoubiñas, imposible máis frescas, rebozadas e fritidas con mestría están de escándalo; ben os pementos e a un altísimo nivel e orixinalidade a ensalada.

Asador Acebo 24Asador Acebo 25

Compartimos tres de año e dúas de bacoriño; estando bos os dous, noto unha diferencia entre o bacoriño (este si me transporta a Segovia), a primeira fonte do año (moi próxima aos de Cubas, en Arévalo) e a segunda (sen estar mal, algo máis frouxo que os anteriores).
Convimos en que nos pasamos pedindo comida, en que con dúas e dúas tería sido abondo (coa conseguinte ‘merma’ no prezo).

Asador Acebo 29Asador Acebo 31

Sobremesas: empanada de mazá (boa), e sorbete de limón (rico, pero tiraba máis a temperatura e textura dunha escuma), xeados e cafés.

Os 35€ que pagamos por cabeza parecéronnos razoables; todo, desde a materia prima á presentación, pasando pola preparación, a atención, o ambiente, o coidado dos detalles… apuntaban a un prezo máis elevado.

Asador Acebo 272Asador Acebo 06Asador Acebo 26

Sen dúbida para volver, para unha celebración especial desde a Illa.

Asador Acebo
r/ Fiúncho 14
Urbanización O Rial
36600 Vilagarcía de Arousa
Teléfono 986 508 001
GPS: 42.576855N   8.797812W
Localización en Mapas de Google