as sardiñas acabaladas do lourancho

As sardiñas acabaladas son un xeito tradicional (e moi rico) de preparar as sardiñas; onte tivemos a sorte de probalas no Lourancho de Tirabao grazas ao bo facer de Maribel.

Sardiñas acabaladas Lourancho 2

Os que seguides este blog sabedes que se trata dun espazo para laricar de locais de comida polos que pasamos; sabedes que non lle facemos o feo nin ao furancho de sempre nin a última estrela Michelín, e que deixamos espazo suficiente para que caiba todo o que ande entre os 5 e os 100 euros por comensal.
Sabedes, tamén, que se se terza, e de cando en vez, tamén nos gusta botar a lingua a pacer sobre temas relacionados coa gastronomía en xeral, coa tradición, con Galicia e o galego (léase Gallaecia e galego-portugués).

Hoxe é unha desas ocasións nas que se conxugan todos os elementos e animan a escribir algo especial.
Falamos dun produto tan tipicamente galego como é a sardiña.
Falamos de gastronomía pero desde un punto de vista novo para nós: a elaboración, a ‘receita’.
Falamos de tradición e do risco evidente de desaparición das receitas da avoa.
E falamos tamén dun local, o Lourancho, en Baión, do que xa escribín tantas boas cousas que me resulta difícil imaxinar palabras novas.

Sardiñas acabaladas Lourancho 3

Quedamos, como cada ano, un día ao mediodía, para o bacallao.
Todo perfecto ata que a cousa se ‘torceu’ cando Maribel, con cara de absoluta felicidade, nos fala de que hoxe a comida da familia é un dos pratos da súa infancia, un favorito, auténtica comida de deuses: as ‘sardiñas acabaladas’.
Ningún dos presentes (todos bos comedores e de variada procedencia xeográfica) coñece o nome nin o xeito de preparación.

Sardiñas acabaladas Lourancho 6

Coa amabilidade e hospitalidade propias de Maribel, trae un prato con sardiñas para que probemos. Trátase dun bocado novo e, efectivamente, delicioso. En esencia son sardiñas abertas en canal, sen espiñas, recheadas de rustrido, fritidas e servidas con cachelos. O sabor, como ben apunta Pepe, tira moito ao compango dunha boa empanada de xoubas.

Sardiñas acabaladas Lourancho 9

Para rematar a faena da boa anfitriona, Maribel pásame a receita que reproduzo (case) textual:
1º Abrir as sardiñas ao medio, limpalas sacando ben as espiñas (como ao bacallao), pero deixándolles o rabo.
2º Facer un rustrido de cebola, perexil, un dente de allo, pementón doce e unha puntiña de pemento picante.
3º A unha das metades facerlle un buratiño xunto ao rabo para logo engarzar as dúas metades.
4º Coller cunha man media sardiña aberta, botarlle o rustrido e pechar coa outra metade.
5º Fritir.
6º Servir xunto con cachelos.

Sardiñas acabaladas Lourancho 8

Investigo e vexo que se trata dunha receita moi local. A única referencia en Internet son unhas ‘sardiñas acabalgadas’ que aparecen en Acios, blog do centro Geriatros para manter viva a memoria dos maiores e, neste caso, recuperar vellas receitas tradicionais.
Geriatros está en Ribadumia e a receita foi recollida por Carmen López, de Curro, e a única diferenza coa avoa de Maribel é que a señora Carmen, unha vez recheadas e antes de fritilas, pasa as sardiñas por fariña.

Pois aí queda.
Sería unha mágoa perder a gastronomía máis tradicional.
Coa desaparición dunha receita familiar desaparece unha parte da historia da familia e, con ela, un chisco da propia familia.
Coa desaparición do recetario tradicional desaparece unha parte da cultura galega e, con ela, unha boa parte de Galicia.