as empanadillas de casa germán

A tortilla de patacas pasa por ser o pincho tradicional por excelencia.

Anualmente realízase o concurso nacional de tortillas de patacas, certame que levanta paixóns e que tamén pode levantar a un local anónimo da nada ao todo. Os restaurantes galegos, tradicionalmente, ocupan un lugar de honra neste concurso anual. A guía Lo Mejor de la Gastronomía, igual que con outros produtos, realiza a súa propia selección de restaurantes nacionais que destacan pola elaboración da tortilla de patacas.
A tortilla de patacas de Betanzos, e en concreto e por exemplo a de La Casilla, é coñecida, e recoñecida, en toda España.

Malia todo, a dúbida que hoxe me asalta é se estaremos diante do mesmo caso que fixo famosos ao Sil e ao Miño no tocante a quen é pai e que fillo. Non o sei, pero teño para min que podería achegárselle bastante.
Aquí, en Galicia, creo que a sona tamén a leva a tortilla de patacas, pero a auga ben podería compartila coas empanadillas, polo menos nun caudal moi aproximado de aceptación popular.

Non hai cidade, vila, pobo ou aldea de Galicia que non teña o seu local entronizado popularmente polas súas empanadillas. En Vigo, que é o que máis coñezo, e por riba doutros dignos competidores, o bar que leva máis décadas destacando por riba dos demais grazas ás súas empanadillas é o Carballo.

Casa German 4Casa German 3

O domingo pasado fomos probar as empanadillas de Casa Germán, en Cambados.
Casa Germán, como ben se gaba desde o fondo da barra, é ‘casa fundada o 18 de xullo de 1928’. Dentro dun par de semanas cumprirá os oitenta e dous anos fritindo empanadillas. Algo deben de ter… De feito, algo moi especial teñen na súa masa finiña e churruscante e no seu compango saboroso, equilibrado, nada, nada graxento. No tempo que tardamos en zampar as catro empanadillas e os dous viños (7 euros), non podedes imaxinar cantos centos de empanadillas saíron daquela cociña. Para tomar alí, para comer pola rúa, para invitar, para levar para casa… o certo é que non paran nin un segundo.

Gostaríame facer un mapa das mellores empanadillas de Galicia segundo os propios usuarios, así que, se tendes algunha proposta que facer, adiante non tendes máis que compartila con todos nós.

Posted in pontevedra, salnés and tagged , , .