arroz de pato aos velhos tempos

O Velhos Tempos, en Braga, é unha taberna con comida rural para xente urbana. Nun entorno tipicamente taberneiro, boa proposta de cociña tradicional, servida con esmero a precios moi asequibles.

POR-Braga-VelhosTempos

É a carta de presentación da tarxeta do restaurante Velhos Tempos: comida rural p’ra gente urbana.
Dous comedores, non moi grandes, que hoxe, día de semana, estaban ateigados e chegaron a dobrar en varias mesas. Mestura de turistas e xentes locais.
A decoración, na liña dunha taberna tradicional: moita madeira vella (pero impecábel), pedra, e, polas paredes numerosas ‘mensaxes’ en forma de pratos e azulexos, tamén apeiros da casa ou dos labores tradicionais do campo, e da vestimenta. Decoración moi portuguesa, moi rural, moi agradable.
O servizo é especialmente atento e rápido.

Restaurante VelhosTempos 12

A carta, na liña do local: cociña rexional de feitura tradicional.
Entradas: chourizo asado (5€), pataniscas de bacallau (3.5€ unha ducia), rissois de camarón (3.5€ oito unidades), alheira con grelos (4.5€), folhado de camarón (3.5€ oito unidades), misto de entradas (4.5€).
Da parte de ‘comida para hoxe’ destacar dous aspectos: todos os pratos preséntanse en dose e media dose; a dose é para dúas persoas e a media dose é a ración individual. Por outra banda, todos os pratos desta sección van acompañados do tempo de elaboración, entre 10 (ou menos) os máis rápidos, e os 35 minutos os que precisan de máis tempo. Entre os bacallaus atopamos o da casa (á Velhos tempos, 21€ dose e 11 a media dose), con broa (19/10€), Zé do Pipo (21/11€), á Carmelita (21/11€) ou o follado de bacallau con puré de grao (23.5/12€). O polbo, con broa (20.5/11€) ou asado (19.5/10€). O arroz de robalo (15/7.5€). Porco preto con ameijoas (16.5/8.5€). Mamiña grellada (18.5/9.5€). Posta de vitela (15.5/8€).

Restaurante VelhosTempos 07Restaurante VelhosTempos 08Restaurante VelhosTempos 09Restaurante VelhosTempos 10

Tomamos media de bacallau con natas (8.5€) e media de arroz de pato con piñóns (8€). O meu arroz estaba, simplemente, sensacional. Eu morro por un bo arroz e cada vez son máis apaixonado deste atípico arroz de pato (ao forno, moi seco) tan típico do norte; este de hoxe foi dos mellores que probei en calquera lado.
O bacallau tamén estaba exquisito. Preparación tradicional que (case) nunca falla.
Os dous pratos dentro dos cánones da cociña máis auténtica desta rexión norte.
Dicir que as medias racións son máis que suficientes; abonda apuntar que de entrante tomamos só o pan con mateiga e as olivas (para entreter o estómago), e ningún dos dous chegamos con forzas á sobremesa.
Bebemos unha caneca de medio litro de viño do Douro da casa (fresco, rico, viño máis que interesante), un auga e café.
Pagamos 11€ por cabeza. Malia falta de entrantes e sobremesas, o prezo pareceunos de risa; coma quen di, un menú do día á carta.

Gustounos este Velhos Tempos, moito, e por todo, nada que obxectar. Pola comida, sobre todo, pero tamén polo ambiente e decoración (moi, moi agradábeis), polo trato recibido e o atendemento, e, como non, polo prezo.
Restaurante moi recomendábel para os amigos de Portugal e a súa gastronomía.
Non nos estraña en absoluto que sexa un restaurante recomendado polas guías turísticas que máis voltas dan para atopar a cociña auténtica de cada lugar (Lonely Planet ou Moon Travel Guides)

Restaurante Velhos Tempos
Rua do Carmo 7
4700-309 Braga
34 253 214 368 / 34 913 498 287
GPS: 41.553636N,  8.425694O
Facebook
Peche: domingo
Cociña: rexional, tradicional
Prezo: 15€


Translate »