arrocería o tamboril en compostela

Son un fanático dos arroces
Gústame facelos pero sobre todo debezo por comelos. Disque non teño mala man. Do que non cabe dúbida é de que o que si teño é moi bo dente para a maioría deles. Son de arroces secos, pero váleme case calquera; non me teño por nada purista.
Agora si, loitaría a capa e espada con quen hai uns días defendía as bondades dunha paella valenciana feita na ola a presión.

Arrocería O Tamboril 01Arrocería O Tamboril 02

Tiñamos referencias varias e, aproveitando esta ponte de santos, alá nos fomos a Compostela a probar os arroces de O Tamboril.
A ubicación está ben, no ensanche, en República Arxentina, a medio paso do parlamento galego. A carta da porta anima: entradas varias (falsa tortilla paisana con ovos de curral, tixola de chipiróns ao tomillo limonero, polbo gratinado con queixo do país…), arroces (negro con chocos da ría, de peixes en caldeirada, de galo de curral, de xarrete de vaca…), pastas (frescas ou en fideuá), e larpeiradas surtidas (disque son especialmente boas); ademais, un menú do día consistente en aperitivo, arroz de setas de outono, xeado ou café e bebida, por 15€.

Arrocería O Tamboril 07Arrocería O Tamboril 05

O local é bastante recollido, a decoración pouco definida, sen unha liña clara, pero consegue resultar moi agradable. Servizo atento e profesional.
Comezamos polo aperitivo da casa, unhas olivas e variantes en vinagre e, para confirmar a temporalidade da carta (o arroz de setas do día fala ás claras), pedimos as croquetas de boletus. Deliciosas.

Arrocería O Tamboril 08
Arrocería O Tamboril 10

Difícil decisión a do arroz.
Hainos á moda terra-mar (de berberechos e panceta afumada), rompedores (de lagostinos en crema de nécoras) e outros especialmente atractivos (o de croca de tenreira). Para ser a primeira vez e poder valorar tiramos por un clásico, o arroz abanda (con peixe sapo, calamar, gamba e lagostino).
Vén en barro, sequiño, no seu punto, coa costra por riba. Cun aire de alioli ou a pelo, sen disfrazar, son dous bocados radicalmente distintos pero os dous igual de fantásticos.

Arrocería O Tamboril 11Arrocería O Tamboril 12

Os problemas volven coa carta de sobremesas. En realidade están a mudar o menú e as sobremesas cantadas non coinciden coas anunciadas na carta.
Pedimos a Torta de galleta, crema e chocolate quente (Carmen) e a Escuma de iogurt con puré de mazá.
Efectivamente, calquera dos dous simplemente espectacular.

Arrocería O Tamboril 15
Arrocería O Tamboril 14

Co viño (un Pago del Vicario, Petit Verdot, Rosado de 2012, un Terra de Castela peculiar, escuro, case tinto, moi afroitado e aceptable de corpo, perfecto para o arroz), dicía que co viño e o café pagamos algo menos dos trinta euros por barba, prezo que considero moi axustado; un valor engadido a unha comida que xa tiña valorada como moi boa.

Local a ter moi en conta en Compostela para os arroces; deixar un bo oco para a sobremesa e valorar a conveniencia dun entrante, inda que sexa compartido.
Contando con que a carta cambia para adaptarse á tempada, seguro que volveremos a probar outros arroces.

Arrocería O Tamboril
R/ República Arxentina, 5
15702, Santiago de Compostela
Teléfono: 981 565 485
GPS: 42.873513ºN  8.545480ºO
Localización en Mapas de Google
Facebook