arcoense, en braga: de toda a vida

O Arcoense, en Braga, é un restaurante tradicional portugués no que destacan a materia prima, a cociña de fonda raíz norteña (a cociña da ‘avoa’) e a calidez na atención.

Restaurante Arcoense Braga 01

Ten moi boas críticas en internet e mesmo asoma a cabeza –discretamente- na lista dos mellores restaurantes de Portugal do Mesa Marcada 2016.
O blog Ponto come (‘Impressões sobre restaurantes’) introduce a súa entrada Restaurantes do Minho cunha clara declaración de principios: ‘Começo por três nomes que se impõem pela sua qualidade…’, e, son os tres o São Gião, o Ferrugem… e este Arcoense de hoxe (‘com uma constância de qualidade dificilmente superável’).

Restaurante Arcoense Braga 04 Restaurante Arcoense Braga 05
Imaxes da web do propio restaurante

En fin, xa nos tardaba.
O Arconse vén de 30 anos atrás e non hai moito que fixo unha actualización na súa decoración. O resultado é correcto, agradable, aínda que pode resultar un chisco neutro, sen un estilo definido.
Local amplo, para máis de 70 comensais, que neste infernal sábado de tronos e lóstregos estaba ata a bandeira. Todos, agás nós mesmos, eran portugueses; nada de españois, nada de turistas… Varias mesas de reunións familiares e bastantes clientes habituais.

Restaurante Arcoense Braga 02Restaurante Arcoense Braga 03

A carta é moi ampla e variada. Desde as entradas (pataniscas de bacalhau, favas, calamares… e o que máis vemos pasar son pratiños de presunto –seica é de porco bísaro criado pola propia xente do restaurante– e pementos de Padrón) ata as sobremesas (que merecen mención á parte), pasando polos peixes (filetes de pescada ou polvo con arroz de polvo, polvo no forno ou grelhado, bacalhau en diferentes preparados, cataplana, arroz de lavagante… e peixes frescos do día) e as carnes (o arroz á arcoense, papas de sarrabulho, arroz de frango à Antiga, cabrito, churrasco de boi… O que máis vemos pasar, sen dúbida é o cocido á portuguesa).

Sen contar os mariscos ou peixes que dependen do día, o prezo dos pratos principais andan entre os 12€ (algúns dos bacallaus) e os 20€ (diferentes preparados de cabrito). O cocido, por exemplo, 16€, os filetes de polbo con arroz de polbo 16€, o arroz de frango á Antiga 17€ etc. Prezos, como vedes, moi comedidos.
Disque son moitas as especialidades da casa (o assado misto com arroz de forno: cabrito, vitela e costela mamiña) e decidímonos por unha de bacallau de primeiro e o cabrito de segundo.

Destacada oferta de viños (que no seu momento mereceu a visita da Revista de vinhos). Pedimos o tinto da casa, un Douro cun aire de barrica que funciona ás mil marabillas por un prezo máis que razoable (7.5€ a media botella).

Restaurante Arcoense Braga 07 Restaurante Arcoense Braga 09

O bacallau lascado: grellado en lascas, con pataca murro, grelos, cebola na grella, broa frita  e un xeneroso chorro de aceite por riba (18€ a media dose –ración individual máis que xenerosa– e 28 para dúas persoas). Fantástico. Bacallau de primeira, no seu punto de sal e preparación e acompañamentos extraordinarios.

Restaurante Arcoense Braga 11 Restaurante Arcoense Braga 13

De segundo tamén compartimos o cabrito pingado: cabritiño asado no forno que ao tempo de se facer vai pingando sobre un arroz que tamén acaba sendo ao forno. O cabrito, de primeira; pequeniño, tenro, moi rico. O arroz seco e moi saboroso. Un prato diferente que paga a pena coñecer (e repetir).

Restaurante Arcoense Braga 14 Restaurante Arcoense Braga 15

Despois da impresionante oferta anterior, o capítulo de sobremesas volve chamar a atención. De novo resulta ser amplo, tremendamente variado e, sobre todo, caseiro. A maioría rondan os 5€ e hai para todos os gustos: desde o queijo da serra ou as froitas (de tempada, papaia, manga, ananás, abacaxi…) ata unha gran colección de doces: mousse de chocolate, delícia de cacau, folhadinho de doce de ovos com canela, rabanadas, tarte de bolacha… Carmen pide a Cheesecake de frutos silvestres e eu o Bolo de chocolate crocante. En ambos casos unha sobredose de azucre na liña da mellor tradición da doçaria portuguesa e á que habería que aplicar aquilo de perdonarlle o mal que nos fai polo ben que nos sabe…

Estamos, sen dúbida, ante un gran local de receitas tradicionais portuguesas onde todo resulta sobresaínte. Desde a materia prima á atención; desde a cociña ao prezo final que no noso caso resulta non chegar aos 30€ por cabeza (o bacallau, o cabrito, as dúas tortas, viño, auga e café).
Sen dúbida haberá que volver para probar outras delicias (doces e salgadas)

Arcoense
Joaquim Barroso

R José Justino Amorim, 96
4715-023 Braga
253 278 952
www.arcoense.com
Facebook
GPS: 41.545844N, 8.410559O
Cociña: tradicional portuguesa
Peche: domingo noite
Prezo: 25-35€


Translate »