anguías, chuleta e flan

A comida de hoxe, en Casa Lolo, trasladoume cincuenta anos atrás. Comida de festa camiño de Ourense. Anguías, chuleta e flan. Para que máis? E, total, por apenas 20€ persoa.

Casa Lolo Untes 30

Casa Lolo é un antigo bar de estrada, da vella estrada N-120, daquela que nos levaba, primeiro a Ourense, a aldea, e logo, de pascuas en flores, a Castela.
Casa Lolo é unha casa de comidas de cando un restorán de carretera era algo, ou máis ben, era moito, case que era o que había, e se na porta durmiñaban unha chea de camións aparcados ao chou, aínda era moito máis. Porque, dentro, os camioneiros sabían onde se comía mellor, aínda que comesen o que lles servían, pero iso si, acompañado de viño, un viño da casa badoco que rillaba no estómago, e despois, café, e copa, un Soberano, o un Veterano, porque iso era cousa de homes. E, a continuación, carreteira e manta, que había que chegar a Madrid en tempo récord, catorce, dezaseis, vinte horas.
Casa Lolo é dos tempos nos que comer unha chuleta nun bar era unha festa, un acontecemento; se a festa era das grandes, podías entrar cunhas anguías a repartir, e, se o día era de semana, abondaba cun par de ovos con chourizo e as súas patacas fritidas a rebosar no prato.

Agora, as autoestradas lévannos dun lugar a outro sen enterarnos, e digo ben, sen enterarnos da vida que bulía nos arcéns das vellas estradas nacionais.
Por iso, locais como Casa Lolo merecen un monumento. Por manterse en pé malia A-52, a Autovía das Rías Baixas; por seguir aí, dando a cara cada día a pesar de que hoxe almorzas na casa, tomas o vermú en Benavente e comes en Madrid.
E, sobre todo, merecen todos os nosos parabéns porque seguen a ofrecer unha cociña caseira de calidade, un servizo que pode non ser de etiqueta pero si amable, atento e moi, moi dilixente, e prezos que non son os dos anos sesenta… pero case.

As mesas e sillas de formica, o mantel e as servilletas de papel, a televisión de acompañamento permanente, o ruído, o balbordo, o neno que chora, o pai que berra, os paisanos na barra co café e a copa, a conta de (malia festa) 20€ por cabeza…, son, apenas, complementos necesarios para unha foto imprescindible.

Casa Lolo Untes 34   Casa Lolo Untes 38
Casa Lolo Untes 39   Casa Lolo Untes 42

O menú pode ser o mesmo que hai cincuenta anos: un bo prato de anguías (foron, son e serán o cartón de identidade de Casa Lolo), a chuleta con patacas fritidas e o flan caseiro; para os que non son de peixe de río, os ‘entremeses variados’ que vedes na foto: moitos, variados, ricos, sen palla para encher o plato… e a 4€ a ración.
Nin que dicir ten que todo estaba riquísimo, pero que para os amantes do exquisito, as anguías de Lolo son un auténtico festín, deses bocados polos que pagas unha chea de quilómetros sen o máis mínimo remordemento.
Casa Lolo ten menú do día por 10€. E, ademais das anguías (10€) e da chuleta de tenreira (9.5€), tamén ensalada mixta (5€), polbo (12€), luras (8€), churrasco mixto (10€), milanesa (8€), solombo de porco (7€), bacallau (10€), pescada (10€), salmón (8.5€), etc.

Casa Lolo
EN-120, número 17
Untes, Ourense (32990)
988 258 732 / 679 915 668
GPS: 42.341635N,   7.941285O
Cociña: caseira
Prezo: 10-20€