algo arredor dos furanchos

Loureiro_Dena_01-01

Definir o que é un furancho resulta especialmente complicado.
Se facemos unha enquisa por aí toparemos case tantas definicións como enquisados.
Hainos, tradicionais eles, que seguen aferrados ao vello modelo de cando naceron. Moitos quedaron polo camiño e destacan aspectos particulares de como foron evolucionando. Os máis, tentan describir un modelo de local variopinto a través do que perciben polos seus sentidos se visitan un autodenominado furancho a día de hoxe. Os máis exquisitos irán e procurarán solución no pai de toda definición, o dicionario. E, xa por fin, aínda haberá algún quisquilloso que buscará acougo na lexislación. Creo que vou arrimarme ao carro destes últimos, dos legalistas, pois moito temo que por riba de usos e costumes quen aquí manda e bautiza é a autoridade.
Para empezar pode resultar clarificador o feito de que o furancho, como tal, non existe para os dicionarios. A maioría, case todos, mesmo o da RAGL, non inclúen a palabriña dentro do seu corpus.
Temos que volver a vista atrás, aos dicionarios de Eladio Rodríguez, finais dos anos cincuenta, e de Franco Grande, primeiros setenta, para atopar vivo o furancho: ‘taberna, tenda de viños de escasa importancia’ (E.R.), ‘taberna; lugar ou casa particular onde se vende viño novo’ (F.G.).
O Dicionario de Galego de Ir Indo (impreso en 2004 e na rede en wap.digalego.com) define: ‘furancho: casa particular acondicionada como unha taberna, onde se vende viño da propia colleita’
Vemos como xa entre os tres existen puntos en común e variacións substanciais: se naceron como tabernas de pouca monta, pronto pasaron a ser casas particulares que vendían viño novo da casa. Logo chegarían as probas e con elas, moi pronto, un bocado sólido para empurralas. De aí ao que hoxe coñecemos, só un paso.

loureirosloureiros

Na Galipedia lemos: ‘un furancho, tamén chamado loureiro, é un local de tempada (entre febreiro e maio) xeralmente habilitado nunha adega particular, onde se embotellan viños e augardentes caseiros para a súa posterior venda’.

loureirosCreo que con todo o falado, se o metemos na cocteleira, comezamos a ver algo de luz. 
O furancho nace vía BOE como casa particular á que se lle concede o privilexio de vender o excedente anual de viño de colleita, durante un período concreto do ano; para recoñecelo, colgaba una póla de loureiro na porta. Son locais particulares, propios de zonas vitivinícolas e ligados ao calendario anual do viño. Pronto abrollan á superficie as mentes máis comerciais e chegan as primeiras adaptacións: furanchos que aproveitan para vender outros licores (caña, herbas, guindas, licor café …) ou os que utilizan vellas arducias para aumentar a produción (comprar viño aos viciños, traer uva de fóra, bautizar o viño…) 
O seguinte paso foi marcado polos clientes: antes de comprar, moitos deles pedían catar o produto para comprobar as súas excelencias; foi así como os furanchos empezan a servir o viño por cuncas pasando a ser lugares de reunión e tertulia.
loureiros
Claro que, cando se empeza a beber, hai que meterlle algo ao corpo para empurrar o viño e catalo mellor. Os furanchos gañan o dereito a acompañar o viño cunha tapa que, en principio, non podía ser quente e non se podía cobrar. O protagonista segue a ser o viño e, para que o negocio resulte rendible, os primeiros produtos que ofrecen os furanchos son os da matanza do porco da familia (con perdón), xamón, chourizo, raxo, orella, lombo… No litoral, algo de polbo, uns calamares, uns croques, etc.
Ao ser caseiras, estas tapas resultaban especialmente saborosas e de baixo custo, os clientes achegábamonos aos furanchos, tamén, pola tapa. Consecuencia inmediata: os adegueiros amplían a oferta de tapas e pasan a cobrar o acompañamento. Poñen prezos razoables, iso si, pero poñen prezo á tapa. Os furanchos pasan a ser coñecidos e recoñecidos polo viño e polas tapas, en ocasións máis por estas que por aquel. Abren todo o ano. Convértense nun modelo de éxito para as tardiñas de verán.
loureirosloureirosloureirosloureiros

Mais chega o momento en que os hostaleiros protestan e denuncian aos furanchos por ‘competencia desleal’: están a exceder amplamente o modelo legal establecido.
Vía provincia ou concello (foi paradigmático o caso de Marín), empezan algúns intentos de regular non os furanchos senón o seu funcionamento real; así se marcan máis claramente os períodos de apertura, créanse unha serie de impostos en relación coa cantidade prevista de venda de viño, etc. Alá polo 2008, en maio, o goberno bipartito dá a luz un decreto que ordena o funcionamento dos establecementos de restauración denominados furanchos (decreto 116/2008 de 8 de maio). As liñas básicas do decreto pretendían facer viable a coexistencia dos furanchos con outros establecementos de restauración prexudicando o mínimo posible aos diferentes modelos. Así, define os furanchos como ‘adegas en que a súa actividade principal sexa a de subministrar mediante prezo o viño excedente do consumo propio que procede dos seus viñedos’; o viño subministrado non pode ser embotellado senón que debe saír directamente do pipote; os produtos alimentarios que se sirvan non poderán ser nin elaborados nin transformados no propio furancho; os furanchos debían rexistrase, pagar unha serie de taxas e declarar e certificar a produción anual de viño; podían abrir ata un máximo de tres meses e sempre dentro do período que vai de xaneiro a xuño… 
A día de hoxe temos en vías de aprobación un novo texto lexislativo que regulará todos os aspectos do turismo en Galicia. No borrador da Lei, o actual goberno da Xunta de Galicia regula que os locais de restauración quedarán reducidos a tres únicos modelos: a cafetería, o bar e o restaurante.
O furancho, como tal, deixa de existir para a lei e, para subsistir, debe legalizar a súa situación e acollerse a unha das tres categorías mencionadas.
Por sorte, a tiro de pedra da Illa temos dúas das zonas máis ricas en furanchos da provincia de Pontevedra: Vilanova e Covas (Meaño). Pero como escribiría Ende, esta es outra historia e debe ser contada noutra ocasión…

Posted in varios and tagged , .