agora si. diverxo

Brutal, circense, creativo, delicioso, distinto, divertido, especial, espectacular, excelente, explosivo, exquisito, fantástico, imprescindible, impresionante, incrible, inesquecible, inimaxinable, insuperable, intenso, interesante, luxurioso, marabilloso, necesario, orixinal, recomendable, saboroso, simpático, sorprendente, único, xenial…

PosterDivexoP

…indescritible.
Os anteriores son algúns (só algúns) dos adxectivos que atopo en Internet para referirse a diferentes aspectos da ‘experiencia Diverxo’. Tamén están ‘os outros’, moitos menos pero, cando menos, igual de contundentes: decepcionante, lamentable, esaxerado…
Claro que vocablos como esaxerado, excesivo ou teatral, referidos a Diverxo, son máis demos absolutorios que anxos con pel de cordeiro.
Os máis repetidos: transgresor, irreverente, etc.; modestamente penso que non hai para tanto. Si, si, respecto ás formas estamos ante a ruptura total de moldes, pero no importante, o fondo, tiraría máis por definicións relacionadas coa orixinalidade, coa creatividade, imaxinación, etc.

Con máis ou menos efusión, todos son aplicables ao mundo Dabiz Muñoz. Todos sen excepción.
Un sofre unha decepción cando a experiencia non cumpre as expectativas previas, outro pode lamentar o prezo (excesivo?, inesquecible?, brutal?, necesario?…).
E sempre, sempre, en función das túas experiencias anteriores.

Así chego á conclusión de que para min Diverxo merece, ante todas, unha apreciación previa: é incomparable.
Incomparable no senso máis estrito da palabra: non podo comparar o restaurante Diverxo con ningunha outra experiencia vivida con anterioridade nos meus sesenta anos de papatorias.
Do resto, case todos os adxectivos me valen.

Tamén podería opinar que foi unha experiencia dez e que esta rotundidade é a que puido levar a outros personaxes máis sisudos a condecoralo coas tres estrelas Michelín.
Pero, claro, as notas tamén son o resultado dunha comparación e as comparacións sempre adoecen de contaminacións subxectivas.
Digamos, non é momento de enganarnos, que non é a primeira ocasión, e confío que non será a última, na que desfrutamos dunha comida dez.

En Diverxo, sen embargo, todo é de dez.
Un exemplo. Sinxelo, nimio, minúsculo, pero moi clarificador.
Fóra, na rúa Padre Damián van preto dos corenta e pico grados. Dentro, a temperatura non existe. E cando digo que non existe é que non pensas nin un segundo nela durante as tres horas que dura a bacanal.  Non sentes frío nin calor, tampouco ese chorro de aire xeado que de cando en vez golpea na caluga, nin o leve suor do viño, nin o imperceptible runrun dun motor… Nada.
Todo vén pensado e deseñado para que ti non penses fóra do testo, para que nada altere as sensacións gastronómicas, para que te centres en gozar única e exclusivamente dunha comida que, efectivamente, é diferente, e deliciosa, e brutal, e impresionante e todo o que poidas imaxinar sobre ela.

E, xa por fin, e se algún aspecto teño que destacar (aspecto que se me antolla esencial para a apreciación global da experiencia) é o ‘clima’ da comida.
Neste caso xa non se trata de grados, porcentaxes ou milibares de presión atmosférica senón de algo moito máis sutil que non entra polos sentidos.
Un pensa nos restaurantes Michelín polo que está afeito, polo que coñece, polo que sabe. Todo regulado, todo medido, todo estudado. O  confort entendido como luxo, como ‘requinte’, como minimalismo, distancia, brancura, estiramento… todo ‘comme il faut’. En máis dun caso cunha imperceptible sensación de friaxe.

Diverxo resulta ser todo o contrario; a antítese, a transgresión, a proximidade, a calor.
A decoración, o ruído ambiente, a distancia entre mesas, a parafernalia, o trato dos camareiros (en especial o trato das e dos camareiros), todo está pensado para que te sintas cómodo, a gusto, relaxado; non digo como na túa propia casa, porque non, porque na túa casa xamais te sentirás así: estás nun restaurante e iso non podes esquecelo.
Todo deseñado para que a comida en Diverxo resulte unha experiencia global, única e irrepetible.