adega popular con tradición e prestixio

A Adega Faustino é un caso típico de local tradicional e popular para degustar uns petiscos. Autenticidade a prezos baixos. Bolos de bacalhau, alheira, presunto de Chaves, rojões, moelas, dobradinha…

Adega Faustino 01  Adega Faustino 02

Antigo almacén de patacas reconvertido para a restauración a finais do pasado século. O primeiro que chama a atención son as portas e ventás vermellas nunha ruela céntrica pero un tanto escanastrada.
Xa dentro, destacan o chan de calçada portuguesa, a estrutura de madeira que sostén o tellado e a amplitude do espazo. Decoración básica e sinxela (toneis, o propio balcão , mesas corridas cubertas con manteis de cadros…). Algúns obxectos de museo, pequena galería de arte e, ás veces, fado en vivo.
A cabalo entre o turismo e os incondicionais locais.

Adega Faustino 04  Adega Faustino 05

A carta está baseada nos petiscos e vai desde os rins salteados (6€) ata o salmón (6€); desde as coxinhas de rãs (6.5€) ao prato de presunto (8.5€); desde o pica-pau (7.5€) ou a orelha com vinagreta (4.5€) aos rojões do redanho (2€ unidade). Ademais, algúns pratos de maior consistencia como as costeletas de cordeiro (8.5€), o bife de vitela (9€), a pescada (grelhada, frita, cozida, 6.6€) ou o bife de atum (8€).

Somos catro e estamos a 26 de decembro despois dunha ponte festiva e de temporal; cometemos o tremendo erro de pedir peixes en Tràs-os-Montes.
4 bolos de bacalhau, 3 rissois de camão, unha alheira, carapus fritidos, unha truta, chocos grelhados, bacallau con pementos e dúas de arroz de tomate.

Adega Faustino 13  Adega Faustino 12

Adega Faustino 11  Adega Faustino 18

Adega Faustino 14  Adega Faustino 15

Adega Faustino 16  Adega Faustino 17

Comida con luces e sombras: os xureliños non estaban bos e os chocos regular; o resto entre o ben e moi ben. Para beber, dúas canecas de viño da casa.

Tomamos catro sobremesas: toucinho de ceu, mousse de chocolate e leite creme e os catro cafés. Pagamos 17.5€ cada un.

Foi unha mágoa a metedura de zoca cos peixes pois fixo descender notablemente a opinión xeral da Adega Faustino. O prezo está moi axustado e anima a unha nova visita para probar novos pratos, espero, con algo máis de sorte.

Adega Faustino
Travessa Cândido dos Reis
5400-164 Chaves
351 276 322 142
GPS: 41.740507N,  7.468883O
Web
Cociña: rexional, portuguesa
Peche: domingo
Prezo: 20€


Translate »