adega da vila (do conde)

A Adega da Vila, en Vila do Conde, é un local rústico, tipicamente portugués, onde se serven petiscos tradicionais miñotos a un prezo moi asequible. Salientable o bo trato recibido.

AdegadaVila4

A información (e as fotos) son do amigo, e seguidor deste blog, Lino. Esta Taberna da vila gustoulle especialmente, tanto, como para mandarme a información completa para incluíla no blog. E, como considero que nestas cuestións do bandullo é home de fiar, aquí vai a súa reseña.
Inicialmente a proposta chegounos aos dous a través do libro Tascas e Petiscos do xornal Expresso, e a reseña, escueta e textualmente, informa: ‘As ameixas (6€) son unha das perdicións da carta, onde non faltan o polbo con mollo verde (7€), as moelas (3.75€) ou o chourizo asado (3.5€). En temporada tamén teñen caracois’.

Adega da Vila (Lino) 3 Adega da Vila (Lino) 4 Adega da Vila (Lino) 5

Son dous adultos e tres cativos e toman tres boliños de bacallau, tres croquetas de frango, dous caldos verdes, unha tapa das famosas ameixas e ‘porco a lume lento’ acompañado de arroz. Todos os pratos están a un nivel semellante, moi bos.

Adega da Vila (Lino) 7 Adega da Vila (Lino) 8 Adega da Vila (Lino) 6

Mencións especial para as sobremesas que vedes, un pudin e xeados. Ademais do bo trato e unha agradable conversa con Álvaro, propietario, sobre as historias das receitas, reciben o agasallo dunha proba dos típicos doces das monxas de santa Clara.
Álvaro fala dun puntiño de innovación nalgunhas das preparacións; por exemplo, nese pudin, que nace cando no cubo no que estaba a preparar o flan tradicional caeu un anaco de touciño do que estaba colgado na lareira.
Coas bebidas (tres augas e unha canequiña de viño verde) pagan 55€ en total. Non está nada mal. A relación entre a calidade e cantidade de comida e o prezo pagado é magnífica. Globalmente trátase dun local moi recomendable.

tascasepetiscos

Algúns comentarios de Lino, xunto co prezo que pagamos nós en Mar à vista, lévame a unha re-reflexión sobre o libro que xa é inexcusable neste blog, a mencionada publicación do Expresso, Tascas e petiscos.
Lino comentaba que camiñando por Porto adiante e, sobre todo con tres cativos, nunca se lle ocorrería entrar nalgúns dos locais que recomenda a guía; desde fóra, bar de pobo, cutre, con tres velliños arredor dun viño, mesmo sucio, con serrín e cabichas polo chan.
Si, nalgún caso, isto foi o que atopamos; cafés, bares, tascas. Tascas. Que, por certo, é o que anuncia o libro desde o título.
Pola súa feitura exterior e os parroquianos habituais, e sen referencias, a alguén se lle ocorrería entrar na Cafetería Brillante de Vigo? Pois o que non entre xamais saberá realmente o que perdeu. O mesmo poderiamos dicir de centos de locais que pululan polo mundo rural, e tamén urbano, desta nosa Galicia e do norte de Portugal. Outro exemplo, e por citar un presente na guía do Expresso, é difícil que a feitura externa da Taberna de Santo António de Porto, invite a entrar. E así poderiamos seguir, indefinidamente, citando exemplos de locais ‘pouco recomendables’ polo aspecto, pero que agochan tesouros gastronómicos incomparables.

No tocante ao Café de Fernando, digamos que a ‘comida’ non foi ningunha ganga. Neste caso a reflexión levounos por outros derroteiros: estamos a aprender na práctica que existen claras diferenzas tanto na tipoloxía coma nos prezos que teñen un lugar no libro Tapas e petiscos; que aparecer por alí non é sinónimo de nada, nin de prezo baixo (aínda que tampouco hai locais caros, e a maioría dos que probamos ata o momento si foron baratos), nin tampouco dun determinado tipo de comida (nin só petiscos, nin comida de prato tradicional, nin bocatas, etc.). Tampouco, e especialmente, son garantía de comida a gusto de todos os comensais.
O que si temos aprendido é que moitos, a maioría si son especialmente recomendables, durante a semana, para o menú do día.

Adega da Vila
Rua Comendador António Fernandes da Costa 57
4480-740 Vila do Conde
351 961 258 237
GPS: 41.355000N,  8.744100O
Facebook
Cociña: tradicional
Prezo: 15-20 euros
Peche: luns; de martes a venres pecha ao mediodía
TripAdvisor: número 1 de 156 en Vila do Conde


Translate »