actualizando a visita ao tropezón

Visitar o bar restaurante Tropezón, en Ponte-Castrelo, Cambados, é case unha obriga no Salnés. Cunha traxectoria de décadas presume dun bo marisquiño e do mellor peixe, en especial a pescada.

PON-Cambados-Tropezón

Se ben na feitura física segue a ser o Tropezón de sempre, algo mudou despois do coronavirus.
Unha das súas normas de identidade pasou á historia. Aquilo de non reservar mesas, de atopar unha chea de xente á porta, tomando un viño e agardando pacientemente mesa, tamén.

A última referencia neste blog é de hai unha década (Bar restaurante Tropezón).
Daquela escribía comentarios que seguen vixentes: “O bar restaurante Tropezón é un deses locais dos que non podes dicir que paras nel animado polas guías, tampouco porque che atrae a súa feitura externa cando pasas por diante, non porque esperes unha desas refeccións que marcan época… O Tropezón é un bar. Como moitos outros en Galicia, caracterizado pola garantía absoluta; a estes locais acodes sabendo o que vas atopar, nada de luxos, nada de imaxinación, ningunha concesión. Un marisquiño, un peixe, unha sobremesa, un albariño embotellado e etiquetado por eles… O tropezón está xusto na foz do río Umia, nas marismas, no lugar de Ponte Castrelo, así que despois de ben comer e mellor beber, sempre podemos facer a dixestión cunha pequena camiñada seguindo o curso do río ou polas marismas, achegándonos ás vellas tellarías…”.

Daquela a comida consistira nunha ración de lagostinos, unha de ameixas e unha de pescada rebozada; ademais, dous mousses de limón, bebidas e cafés, e todo por 17€ persoa.
Porque ese era o outro elemento diferenciador do Tropezón: o prezo, podías comer ese marisquiño (o que houbese no día) e a fantástica pescada por un prezo moito máis que razoable.

Tropezón 6

Hoxe, as cousas do comer seguen practicamente igual. Comezamos polas ameixas, que están para chuchar o pan no mollo e non parar. Moi ricas.

Tropezón 14 Tropezón 26

Pasamos ao que segue a ser o buque insignia da casa: a pescada; unha á romana e outra a galega. Simplemente espectaculares, pagan por si mesmas a visita. Respecto á preparación, é cuestión de cada quen e as súas preferencias, coa base dun produto de primeira, as dúas elaboracións están exquisitas. Son, ademais, dúas boas racións: dous touros centrais dun bicho de considerable diámetro por ración.

Onde si notamos un cambio é no prezo.
Non tomamos sobremesa, comemos co albariño embotellado para a casa e nesta ocasión pagamos 25€ por cabeza.
O Tropezón segue a ser un local recomendable. Para un marisco (ostras 12€ a ducia, lagostinos 17€, camaróns 17€, navallas 11€…), para a pescada (13€ a dose), ou o peixe do día; na carta pouco máis hai.
O que xa non está tan claro é o prezo; estamos ante uns prezos medios no mercado da zona; xa non é aquel regalo que era en tempos; sen ser un local caro, o que acabas pagando fai que cambalee unha das patas que facía especialmente competitivo ao Tropezón.

Marinas Desembocadura Umia 7

O paseo polo Umia segue a ser unha ledicia.
Alí, nun vello taller de barcos, conseguín esta fermosa fotografía, exemplo perfecto de fotografía que parece pintura, de fotografía que pese a ser obxectiva, adquire un grao máximo de abstracción.


Restaurante Bar Tropezón
Rúa Tabueiros 4
Ponte Castrelo – Sisán
Ribadumia, 36636 (Pontevedra)
986 542 409 / 610 83 11 86
GPS: 42.500111N, 8.803763O
restaurantetropezon.com
Facebook
Cociña: tradicional
Prezo: 25-35€
Peche: luns
(Fan reservas en tres quendas horarias)


Translate »