a xanela gastronómica

A xanela gastronómica, onte, en Ponteareas, resultou toda unha sorpresa. Espazo, ambiente, atención, detalles…, pero sobre todo unha cociña de especial calidade (ollo ás sobremesas) e todo a prezos populares.

A xanela Gastronomica 08

Nunha zona en expansión de Ponteareas, ao pé da estrada vella de Madrid, o local resulta alegre e moi diáfano. Dous espazos, un, á entrada, con barra e mesas informais para tapear, e comedor interior para unha comida máis á vella usanza.
O comedor ten un certo aire provenzal, en branco e verde claro, con detalles en madeira escura que ‘afean’ un pouco o resultado final da decoración; enorme vidreira á zona de cociñas.
Espazo para, aproximadamente, trinta comensais que, onte sábado de novembro ao mediodía, estaba ocupado practicamente ao 90%. Visto o visto, imaxino que haberá ocasións nas que, se non queres levar un disgusto, deberás reservar.
Por certo, de ‘reserva’ (encargo previo) son, tamén, os diferentes menús de degustación publicitados na carta.
Menú do día semanal con catro entrantes, catro pratos e catro sobremesas para elixir, e, xunto co pan e a bebida, a un prezo de 12€.

A xanela Gastronomica 02

Un exemplo de menú semanal: Primeiros pratos: Ensalada de xamón de parrulo e vinagreta de froitos vermellos, Espárragos ‘trigueiros’, aliño de verdura ‘asadas’ e améndoas laminadas, ‘Marinada’ de polbo e lagostinos en curri vermello (+1,5€) ou Callos! Ssssshhhhh quedan poucos!!!
Segundos pratos: Arroz de chocos ‘black’ ao all i oli, Robaliza ‘alloarrieiro’, Solombo de porco, dátiles e beicon á pementa de Xamaica, Picaña de tenreira… e cachelo fritido! (+2€)
Sobremesas: Tartaleta de amorodos, Sorbete de mandarina, Torrada ‘caramelizada’ de biscoito ao vapor e esfera xeada (+1,5€), Natillas&cookies.

A xanela Gastronomica 11

A carta vai na liña dos pratos anteriores. Entrantes (‘Toma a túa primeira decisión…’) entre os 8 e os 15€ (Vieiras de Cambados con papada de porco ibérico ou Canelón de tomate, galo de Mos e escuma de queixo de Arzúa).
Despois dos saúdos do chef (tosta de polbo), compartimos unha Ensalada de perdiz vermella escabechada e unhas Croquetas de chocos ‘black’ e emulsión de allo negro das Pedroñeras. Excelente comezo por todos os lados. Sen destaques pois os tres renden a moi alto nivel, pero por dicir algo, a textura das croquetas e o aliño da ensalada.

A xanela Gastronomica 13 A xanela Gastronomica 16

Para o prato principal: carta de Peixes (‘…do mercado do Berbés…’) sobre os 17€, como exemplo a Pescada do Cantábrico, kale e caldo dashi; tamén peixes da ría segundo o mercado do día…
E de Carnes (‘…da terra…’), cunha Terrina de bacoriño de leite ‘crocante’ e chips de pataca violeta (17€) ou o Magret de parrulo ‘punto rosa’, zume de carne e pementa de Sechuan (16€).
Carmen e Pepe van por un peixe sapo e Merce por unha fabas de Lourenzá mar e terra. Eu tiro polo Bacallao Outón e guiso dos seus callos con garavanzo Pedrosillano.
Ben. Se acaso, atopo os dous primeiro un puntiño pasados de revolucións no tocante ao concepto (que non á técnica); demasiado ‘barrocos’ para perderse en sabores moi intensos pero pouco nítidos.
Sen dúbida, a estrela, o meu prato. Un bacallao a baixa temperatura espectacular de calidade e punto de preparación; o fondo de garavanzos e callos aportan un contraste simplemente delicioso.

A xanela Gastronomica 18A xanela Gastronomica 21A xanela Gastronomica 23

Ollo coas sobremesas (‘…doce e merecido momento…’), pois son espectaculares: Chajá!! …sabayón de doce de leite, melocotón de viña, merengue e flor de sal ou Ganache de chocolate branco, te Matcha e crema xeada de lima e apio. Todas elas a 6€.
Antes de pasar ao doce propiamente dito traen un pre-postre cos saúdos do cociñeiro (cono de chocolate con escuma de augardente branca e trufas)

A xanela Gastronomica 27

Ollade as fotos e multiplicade por dez os sabores; son unhas Texturas de iogur e piña, a Tartaleta de amorodos e o Browni con Oreo.

A xanela Gastronomica 32A xanela Gastronomica 35A xanela Gastronomica 39

Pola miña banda non me podo resistir e pido o Percorrido de queixos artesáns de Ponteareas (9€); todos eles de cabra: rulo normal, con mofo, con marmelo… Ración moi xenerosa e queixos moi ricos; outra das grandes sorpresas do día.

A xanela Gastronomica 40A xanela Gastronomica 42

Bebemos auga e un Petit Pittacum (magnífica relación calidade-prezo deste Bierzo ‘pequeno’ de Terras Gauda). Con cafés pagamos (en realidade paga Pepe) arredor dos 33€ por cabeza.

Hai que seguir moi de preto esta Xanela gastronómica. Pulindo algúns pequenos detalles antóllaseme un local de longo percorrido.

A xanela gastronómica
Ángel Martínez e Víctor Otero

R Real 62
36860 Ponteareas (Potevedra)
886 216 997
Facebook
www.axanelagastro.com
GPS: 42.176244N, 8.500062O
Cociña: Tradicional
Peche: Luns
Prezo: 12-35€