a voltas con furanchos e loureiros (continuación)

Na entrada anterior (A voltas con furanchos e loureiros –de novo-) faciamos un breve percorrido pola lexislación que regulou os furanchos en Galicia ata a publicación da Lei 7/2011 de Turismo de Galicia.

En marzo de 2012, e ao abeiro da mancionada lei, a Consellaría da Presidencia presenta o borrador dun novo Decreto polo que se regularían os furanchos da comunidade autónoma de Galicia.
Neste borrador persiste a filosofía de que os furanchos non son ‘establecementos de restauración’ pero si locais que realizan unha actividade de especial ‘interese e atractivo turístico’ e que, polas súas características, precisan dunha regulación específica.
Esta regulación, en esencia, viría a definir o que é un furancho ou loureiro, ditaría normas sobre apertura e funcionamento (cantidade anual de viño que pode vender, período de apertura, concellos nos que, por tradición, se poden abrir furanchos, normas esixibles de hixiene e seguridade… e, especialmente, redactaría de xeito exhaustivo relación de infraccións e sancións correspondentes para os furancheiros máis díscolos.

Furancho de Juan 10

O borrador foi moi protestado tanto por furancheiros como por hostaleiros.
Un punto crítico era aquel no que se facía alusión a un Anexo de Concellos nos que, por tradición, se poderían abrir furanchos. O listado de concellos elaborouse en base aos concellos nos que, de acordo co decreto de 2008, houbo solicitudes de alta de funcionamento de furanchos. (Non esquezamos que daquela houbo numerosos locais que se reconverteron a outras categorías de restauración).
Así, nesta tesitura, concellos clásicos como o considerado ‘fundador’ (Meaño), Ribadumia, Cangas, Meis ou a propia Pontevedra quedaban excluídos para o rexistro de novos furanchos.

Furancho de Juan 12

Seica as críticas foron tan suculentas que houbo un lavado total de cara.
No tema máis sensible da cuestión, o que está no eixo de toda discusión, o acompañamento sólido para o viño, parece ser que hai unha normativa de rango superior (directiva da Comunidade Europea) que, sempre que se manteñan as normas sanitarias e de hixiene, prohibiría prohibir (sempre quixen utilizar esta cacofonía por repetición), si, prohibiría prohibir o que pretendía o borrador de proxecto: que nun furancho se elaborasen alimentos.
Na última proposta, a que está agora enriba da mesa para alegacións, os furanchos pasarían a ser ‘casas particulares’ que ofertarían viño de colleita propia acompañado dunha carta de, como máximo, 5 tapas que se elixirían por concello entre a proposta de 11 da Xunta (táboa de embutidos e queixos, pementos de Padrón, orella-chourizo, zorza-raxo, costela, ovos fritidos, sardiñas ou xureis á braxa, callos, tortilla de patacas, empanada-empanadillas e croquetas de bacallao).
Polo que se sabe, cada furancho só podería abrir tres meses entre xaneiro e xuño, e, en casos extremos e por motivos sanitarios do viño, existiría a posibilidade de prórroga  ata o 31 de xullo.

Furancho de Juan 09

E así andamos, con ese período de funcionamento que marca a Xunta a piques de rematar, un ano máis, e sen unha lexislación clara que regule os loureiros.
Pero iso si, que quede claro, estamos a falar da normativa para furanchos, non de todos aqueles locais que no seu momento naceron como furanchos e, aos poucos e por méritos propios, foron reconvertendo a sona, que non a esencia, a outros modelos de establecementos de restauración.
Hoxe, para as autoridades, son bares… Para moitos de nós seguen a ser o Furancho de Tal ou o Loureiro de Cal.
E mal que lle pese a algúns dos locais da competencia (quizá tería que ter escrito da ‘incompetencia’) son locais legais, cumpren a normativa e manteñen o bo viño, a rica tapa e a prezos que non teñen rival.

Posted in varios and tagged , , .