aposta decidida por un lugar na elite

Lucía Freitas, Grupo Nove, viña desenvolvendo un papel teimudo e silencioso na Tafona. Agora, desde xullo, dá un salto cualitativo e aposta decididamente por entrar na elite da restauranción galega.

Restaurante ATafona-LucíaFreitas

Visitamos A Tafona en decembro de 2012 (Menú do día na Tafona en Compostela).
Era un local fermoso cun toque de cor que viña dado pola imaxe de empresa: as bandas horizontais-verticais de diversas cores que chegaban ata nós desde lugares tan diversos como a tarxeta de benvida ou o tapizado dos sofás. O trato era directo e amable, levado, naquela ocasión, pola propia Lucía. Pero por riba do demais o que destacaba era o menú do día: creo que o máis completo, coidado e imaxinativo dos que probamos en moitísimo tempo.

Restaurante A Tafona 01

O sábado cando chegamos, foi toda unha sorpresa. O cambio xira entre o imperceptible e o radical; por momentos todo é novo, pero no fondo sentes que a filosofía permanece intacta. No espazo principal, un patio pechado con lucernario, seguen a mandar a pedra e a luz natural, pero agora a madeira está moito máis presente para lograr máis consistencia e madurez na decoración. Desaparece a barra e no seu lugar mais madeira e vidros abertos á cociña. Gústame o cambio. Valoro o novo equilibrio e a iluminación (lonxe de espazos que raian no lúgubre e nos que, ademais de ter que intuír o que comes, todo intento de facer unha fotografía decente resulta inútil).
A Tafona actual conta con moito máis servizo; un persoal que se esmera en resultar profesional dentro da proximidade, lonxe de toda afectación ou estiramento.
Profundo cambio na proposta dunha cociña que permanece inalterable, fiel á esencia Lucía Freitas: de mercado, centrada no produto, con técnicas variadas aplicadas con tino, sentido, e moita imaxinación.

Restaurante A Tafona 07 Restaurante A Tafona 09

Ademais da aposta estrela (dous menús, un identificado como ‘Miúdo’ -40€-, e outro máis longo, chamado ‘Mercado’, por 60€), A Tafona conta cunha carta de tempada con propostas como os Mexillóns en escabeche, coco e curry verde (14,5€), a Menestra de verduras e allo branco (16€) ou os Tomates da horta, bonito de Burela e figo (15€). Entre os pratos principais de peixe: o Xurelo lacado, berenxenas e dashi (17€), o Arroz de kokotxas, codium e clorofila (18€) ou o Pinto, caldeirada cítrica e batata (17,50€). Carnes: Moegas, remolacha e cereixas (16,50€), Presa de porco ibérico na brasa (20€) ou o Rolo de cordeiro, cítricos e mini cenorias (18€).

Optamos polo Menú Miúdo que consta de:

Restaurante A Tafona 13 Restaurante A Tafona 15Restaurante A Tafona 16 Restaurante A Tafona 17Restaurante A Tafona 18
Restaurante A Tafona 19
Snacks

Restaurante A Tafona 20
Ceviche de vieira e sorbete de leite de tigre

Restaurante A Tafona 22
Tartar de vaca vella e ovo con parmesano

Restaurante A Tafona 24
Pescada de Celeiro, fiúncho e citronela

Restaurante A Tafona 26
Terrina de leitón crocante

Restaurante A Tafona 29
La vie en rose

Xa vedes, unha chea de snacks, dous entradas, peixe, carne e sobremesa.
Moi bos os snacks; o único que non me dixo demasiado foi a ‘empanada’ (masa líquida). Logo todo foi unha sucesión de bocados excelentes nos que, por dicir algo, destacaría o tartar e o ceviche de vieira. A sobremesa, ‘La vie en rose’, moi elaborada, ben resolta, gustou moito a todos os que estabamos, pero eu tería preferido algo máis ‘doce’.

Claro que, para doces, os petits-fours para acompañar o café:

Restaurante A Tafona 30 Restaurante A Tafona 31Restaurante A Tafona 32Restaurante A Tafona 33Restaurante A Tafona 34Restaurante A Tafona 35

Comimos cun magnífico Algueira Risco (Merenzao) e, coas sobremesas, dúas copas de Gotas de vida (Ribeiro doce, treixadura); con augas, cervexas… saímos a 55€ cada un.
O dito. Pareceume un salto significativo para tentar facerse un oco no difícil mapa da gastronomía actual en Galicia.
Moi recomendable.

A Tafona casa de xantar
Lucía Freitas

Virxe da Cerca 7
15703 Santiago de Compostela
A Coruña
981 562 314
Web
Facebook
GPS: 40.880538N,  8.539705O
Cociña: Mercado
Prezo: Menú 40, 60. Carta arredor de 55€
Peche: domingo noite; luns; martes noite inverno; domingo verán.
Guía Repsol: Recomendado
Michelín: Bib Gourmand