a taberna vikinga

A Taberna Vikinga é un local polivalente, na estrada xeral, en Catoria. Óptimo para unhas tapas, pero tamén comidas. Os prezos son razoables e a cociña, tradicional, de boa calidade.

Taberna Vikinga 1

Tiña referencias e gañas de conocela dende hai xa bastante tempo. Non me defraudou en absoluto.
Estamos a mércores de agosto, á tardiña; os distintos espazos están ateigados; en contra doutros moitos (na zona e no mes), no caso da Vikinga, por xente local (nós iamos, tamén, cunha amiga catoirense).
Pequena, pero moi codiciada terraza que dá directamente á carretera; ao final acabamos aquí e resultou moi agradable; a continuación, o bar, con poucas mesas e unha pequena barra, algo máis saturado e ruidoso, pero ben; ao fondo está o comedor, amplo e cunha decoración rústica e minimalista que me chamou especialmente a atención. Disque, detrás, aínda hai unha segunda terraza para días sinalados.
O servizo, mínimo, é atento e rápido pero hai momentos punta nos que non dá abasto; en condicións normais destaca pola simpatía e dilixencia.

Taberna Vikinga 3

A carta é ampla e mestura pratos para picar e compartir con ensaladas e carnes e peixes. Para picar atopamos, por exemplo, a Orella (4€), as Xoubas de Rianxo (9€), as Navallas á prancha (13€) ou o Polbo á feira (15€). Tamén táboas, de Lombo ibérico (8€), de Chourizo ibérico (7€), de queixo de tetilla (5€), variada de Queixos (9€) ou táboa de embutidos ibéricos (10€). Ensalada simple (4€), Mixta (6€), Agridoce (7€), do Mar (8€), de Ventresca con piquillos (10€)..
Xa, entre os peixes, o Bacallau (prancha ou galega 14€), Pescada, Grellada mixta de peixes (17€), ou Caldeirada mixta de peixes (17€).
As carnes pasan polo Raxo ao limón (8€), os Ovos con chourizo ou con xamón ou cecina (8€) ou a Croca á prancha (13€)

Taberna Vikinga 4

Sorpréndenos cunha tapa de pementos do piquiño recheados. Moi ben. Ricos.

Taberna Vikinga 6

Para empezar compartimos unha abundante ración dun dos pratos fortes da casa: os Chipiróns encebolados (10€). A receita é propia e gustoume moito; nada de mollos graxentos pasados de aceite coa cebola medio crúa: o ‘encebolado’ consiste en cebola chip, cortada moi fina e moi fritida, triscante; os chipiróns, enfariñados e fritidos; sen máis, sen ningún tipo de mollo. Moi ben; un prato que xustifica unha escapada.

Taberna Vikinga 7

Logo tomamos, os tres, cadanseu pincho moruno (tamén ten sona entre os habituais da casa). A excepcionalidade vén da calidade da carne: magra, sen graxa, tenra, ben adobada, cortada bastante homoxénea e traballada na prancha. Servidos sobre patacas fritidas que acaban collendo a substancia da carne. Prato, tamén, moi destacable e recomendable.

Bebimos cinco copas dun Ribera Roble e unha auga e pagamos un chisco máis dos 10 euros cada un dos tres.

Moito tempo devecendo por ela pero A Taberna Vikinga entra na lista de taperías no Salnés. Pareceume un local agradable, moi vivo, moi familiar (case todos se coñecen e os acabados de chegar terminan por compartir mesa); logo, a comida, polo que probamos, moi ben e a un prezo na liña dos furancho reconvertidos. Recomendable, para repetir.

Taberna Vikinga
Rúa do Concello 9
36612 Catoira (Pontevedra)
986 546 105
Facebook
Cociña: tradicional
Prezo: 10-20€
Peche: martes


Translate »