a taberna do trasno en cambados

A taberna do trasno, en Cambados, reúne elementos abondo para coarse nas guías máis prestixiosas como un local de éxito. Espazo agradable, boa atención, carta orixinal e unha cociña salientable.

Taberna do Trasno 8

A taberna do trasno ten como lema recorrente unha definición de principios que deixa claras as intencións: baseamos a nosa cociña na utilización dunha materia prima de calidade, apostando por unha cociña de mercado e elaborando a maioría dos nosos pratos en forno de leña, aportando así aos nosos clientes unha cociña sinxela e uns sabores e aromas totalmente únicos.

Grazas ao Bibgourmand da guía Michelín, e ao recoñecemento dos votantes de TripAdivsor (lugar 62 de toda a provincia de Pontevedra), acada un meritorio 58 posto na nosa Guía de restaurantes de Galicia. Se nos centramos na provincia de Pontevedra, ocupa o 19.

Situada no centro histórico-turístico de Cambados, a Taberna, de entrada, destaca pola súa decoración; a estraña mestura de minimalismo e vexetación exuberante logran un ambiente ao tempo impactante, moderno e acolledor.
O servizo sitúase no equilibrio entre a profesionalidade e a proximidade, tirando, se cadra, un pouco máis cara a esta.

A carta empeza abrindo boca: Choquiño da ría á brasa (16€), Migas de millo, uvas, aceite de xamón e trufa acompañados do seu ovo a baixa temperatura (6.5€), Tomate braseado, queixo de Arzúa afumado e aceite de alfábega (6.5€), Polvo á brasa con crema de cachelos e cítricos (17.5€) ou Tartar de vaca vella, medula á brasa e xeado de mostaza (20€).
Un paseo polo mundo: Crema de coco thailandesa con lagostino crocante (13€), Tacos de cochinita pibil, cebola encurtida e crema de aguacate (13.5€), Ceviche de peixe do día con millo tostado (14€).
Peixes: Peza de rodaballo salvaxe á bras (2 persoas, 60€), Lombo de robaliza con grelos (23€), Linguado salvaxe enteiro na brasa (70€).
Carnes: Peito de vaca á brasa (21€), Teriyaki de ibérico con crema do piquillo (17€), Entrecosto de vaca madurado (24€).

Compoñemos unha comida a base de tres entrantes.

Taberna do Trasno 10

Para empezar un Cogollo braseado con queixo do Cebreiro, vinagreta de tomate e anchoa. Equilibrado xogo de sabores dominantes suavizados polo miolo da leituga. Trátase dun entrante de 7.5€ que se pode compartir e que traen servido en dúas metades nos respectivos pratos. Bo comezo.

Taberna do Trasno 12

No caso do Falso rissoto de setas e queixo galmesano, sérvese unicamente como entrante individual para un mínimo de dúas persoas; o prezo en carta é de 9€ por persoa.
Sen dúbida, o prato que máis me gustou. A falsidade do rissoto consite en que está elaborado con pasta orzo (pepitas); a pasta (al dente, como non podía ser doutra maneira) lembra ao arroz e fai que o preparado resulte especialmente meloso; tanto as setas (moi abundantes), como o queixo (unha lasca por riba), aportan sabores poderosos que fan que o bocado resulte contundente. Gustoume.

Taberna do Trasno 14

A Zorza de atún con ovo a baixa temperatura e patacas palla tamén é un entrante que se serve como individual e para un mínimo de dúas persoas; o prezo por persoa é de 5.5€.
A idea de adobar un tartar de atún ao xeito da zorza (allo, ourego, pemento, sal e aceite) paréme magnífica; agocha un pouco o sabor do atún pero, unha vez mesturado o peixe co ovo roto e as patacas, o resultado é saboroso e moi interesante.

Taberna do Trasno 15    Taberna do Trasno 16

A Torrada con xeado e o Follado de arroz doce con xeado de canela fan os honores de despedida a unha comida que resultou moi completiña.
Como dato a ter en conta, A taberna do trasno presenta unha pouco habitual carta de viños doces para acompañar as sobremesas.

Comemos con auga e unha copa de Ramón Bilbao cada un, e pagamos 30€ por cabeza.
A comida estivo ben, pero antollóuseme un puntiño subida de prezo. Trátase dun deses locais que están un pouco en terra de ningures: ni un prezo que o faga especialmente apetecible, nin unha cociña espectacular que xustifique un prezo máis elevado. É un local de moda (Cambados estaba morto pero o restaurante a reventar) e as modas hai que pagalas. Recomendable sabendo o que vas pagar.

A taberna do trasno
Carlos Revelo

Rúa Príncipe 12
36630, Cambados (Pontevedra)
988 52 49 88
GPS: 42.517727N, 8.814159O
www.atabernadotrasno.com
Facebook
Instagram
Cociña: tradicional
Prezo: 30-45€
Michelín: BibGourmand
TripAdvisor: lugar 62 provincia de Pontevedra
Guía C,LE: lugar 58 de Galicia e 19 de Pontevedra