a sandes de pernil de casa guedes

Hai nomes que non precisan máis presentación. A sandes de pernil de Casa Guedes, Porto, é un deses reclamos que falan por si mesmos. Una marabilla que hai que probar.

casaGuedesSandes3

Casa Guedes está na praça de Poveiros, alí onde remata a rúa Passos Manuel por arriba. Vaias o día que vaias, vaias á hora que sexa, sobre todo se é central, haberás de facer cola. Bastantes turistas pero tamén moita xente da terra (que foi a que levantou a sona de Guedes).
O local é pequeno, tipo bar de petiscos con catro ou cinco mesas e algunha máis nunha apetecible terraza.
A oferta céntrase nos bocatas pero non en exclusiva; tamén táboas (queixos e embutidos) e algún que outro prato tradicional do día (onte o caldo verde e unhas, disque, moi recomendábeis papas de sarrabulho). Entre os bocadillos, a estrela é o pernil, con ou sen queixo; pero tamén de xamón, de salpicão, de queixo…). Para rematar, algún doce ou, simplemente, o queixo con marmelo.

Casa Guedes1

Mentres agardas polo teu pedido podes entreterte coa velocidade e habilidade coa que se preparan os bocadillos de xamón. A perna, asada enteira, esta nunha bandeixa de forno con moito mollo; de cando en vez, a man, o artista corta unhas lonchas que van caendo, xunto coas migallas do corte, na salsa do propio asado; pan triscante cun toque de tostadora, boa ración de queixo e unha boa dose de pernil que embebe o pan e derrete o queixo. Non hai máis secreto (pero tampouco menos).
É unha festa cando, a cada pouco, asoma un novo xamón enteiro desde a cociña.

CasaGuedesCaldoVerde2casaGuedesSandes1

Tomei un caldo verde (ben, rico, pero case unha anécdota en Guedes) e a fantástica sandes. Coa cervexa de presión grande foron 8.5€

Aquí non hai excusas.
Sexas turista ou viaxeira, de pouca ou moita comida, gourmet ou pasota, de locais caros ou máis trapalleiros…, sexas quen sexas, probar a sande de pernil en Casa Guedes debe converterse nunha das primeiras obrigas na túa visita a Porto.

Casa Guedes
Praça Poveiros 130
Porto 4000-393
351 22 200 2874
GPS: 41.145987ºN  8.603486ºO
Peche: domingo
Cociña: bocadillos, tradicional, xamón asado
Prezo: 7€

Etiquetado en: , , , ,

Translate »