a nave dos nove no porto

Nave Nove é o restaurante efémero que o grupo Nove abriu no Porto para pór en valor o produto e a gastronomía galega de cualidade no norte de Portugal.

      GrupoNove

Admiradores do grupo Nove, decidimos unirnos a esta oportunidade única de coñecer a súa visión da gastronomía desde unha perspectiva diferente.
Así, un xoves pola noite, a festa comeza nun espazo ad hoc onde nos recibe Pepe Vieira para, a xeito de saúdo, ofrecernos un aperitivo: bivalvos e caldo galego acompañados, no noso caso, dun Albariño espumante de Martín Códax.

Nave Nove 02

Aproveitamos este momento de benvida para, nunha agadábel e distendida conversa, informarnos sobre os pormenores desta novidosa experiencia.
Basicamente, e no contexto de promocionar o produto e a gastronomía da Galiza, o grupo Nove, conxuntamente, elaborou un menú de degustación que fai un percorrido de 13 pasos polo mellor da súas cociñas. Como ben publicitan, reúnen nuha soa cea a catorce cociñeiros e cociñeiras, oito estrelas Michelín, vinte soles Repsol e unha manchea que abeira o infinito de creatividade, de innovación, de emoción, de paixón por Galiza e o seu mar Atlántico.
Cada día, só a cea, conta coa presenza dun dos cociñeiros do grupo, hoxe, como xa adiantamos, temos a sorte de compartir estes momentos con Pepe Vieira, un honor, un pracer, un gustazo. Na súa participación, cada cociñeiro pode achegar un toque da súa propia personalidade, para, mantendo a esencia do conxunto, adaptar e actualizar diariamente o menú.
A proposta é efémera, moi curta no tempo. Vai desde o 24 de outubro ata o 17 de novembro de 2019.
[Prefiro esta definición de efémera que a de pop-up que estou a ver por aí. En esencia tanto ten. Din os entendidos modernos que o de pop-up fai referencia a un, cada vez más popular, xeito de comprar, cenar e relacionarse. Trátase de tendas e restaurantes onde o espazo deixa de ser fixo para se converter en itinerante e temporal e así ofrecer, case sempre, unha experiencia irrepetíbel].

Nave Nove 08

A acollida non pode ser máis significativa. Para comezar, unha cunca de caldiño ben quente, que a noite ben o pide (e o merece). Galicia en estado puro.

Nave Nove 10   Nave Nove 11   Nave Nove 13

Nave Nove 07   Nave Nove 14   Nave Nove 15

A seguir, a esencia atlántica do grupo Nove resumida en tres bocados. Tanto ten que sexan marinados, ao natural, cun aire de lima ou crema de pemento; os bivalvos son unha porción de mar levada á boa; persoalmente as miñas preferencias recaen na mesma orde en que aparecen: a vieira, a navalla, o croque.
O espumoso de Martín Códax, óptimo para xogar con el na boca entre cuncha e cuncha.

Nave Nove 05       Nave Nove 03

Chega o momento de pasar ao comedor, situado no restaurante Forno Velho do hotel Carris Ribeira Porto, que actúa de anfitrión.
Un espazo limpo, diáfano, en pedra e madeira clara, customizado (que horrorosa palabra, unha vez máis mellor sería dicir personalizado e deixarse desas trangalladas modernas, polo palabro, que non pola modernidade en si) personalizado, dicía, cos toques rechamantes en vermello que definen ao grupo Nove e destacan entre os tons claros da decoración. Estase moi agradábel; perfecto para gozar dos momentos que veñen a continuación.

Para as entradas, seguen a ser de mar, pedimos o viño que ofrece a maridaxe ‘oficial’ para os peixes, un Ribeiro Finca Viñoa (multivareital cen por cen galego: treixadura, loureira, godello e albariño, nunhas proporcións e conxunción espectaculares; un viño moi, moi rico, óptimo para o que vén a continuación).

Nave Nove 16Nave Nove 18

Entrantes.
Ceviche de lavagante, e Peixe azul marinado, picles de pemento e salmoira anisada.
O lavagante, sen lugar a dúbidas, é o prato estrela da noite; por unanimidade dos oito que compartimos mesa; un bocado absolutamente espectacular, redondo, sen fisuras, un ceviche que complementa marabillosamente o sabor e a textura dun lavagante traballado de xeito xenial.
O xurelo marinado tamén a un altísimo nivel; gustoume, en especial, o retrinco ao gusto portugués polos vexetais en vinagre con ese pemento de Padrón preparado como ‘picle’ (son fanático dos ‘picles’ portugueses como acompañante, esa coliflor, o pepino, a cenoira, simplemente a cebola…).

Nave Nove 20Nave Nove 21

Primeiros (seguimos co Finca Viñoa).
Pescada, cinza de allo-porro, allada picante e mollo verde, e Salmonete, caldeirada, grelo e ceboliña.
De novo un nivel moi alto. Nun primeiro momento o allo porro queimado co que está rebozada a pescada chama a atención, faise notar en exceso, logo vai abríndose a unha pescada magnífica e resulta moi agradábel ao padal. O salmonete tamén moi, moi rico (algo máis bravo o grelo).

Nave Nove 23Nave Nove 26

Segundos. Pasámonos ao tinto recomendado na harmonización: un Guímaro mencía que nunca defrauda.
Vaca curada e picles, e Repolo con cogumelos de outono e castaña.
A vaca curada é, para min, o segundo momento estelar (aquí non hai unanimidade; hai quen se vai polo salmonete e quen vota, malia a intensidade e forza do sabor, pola sinxeleza e pureza dun bo lombo de xurelo apenas marinado).
A vaca vén en tres texturas, ou, para ser máis exactos, en tres niveis de maduración. En tartar, marinado e a xeito de chacina. Marabillosa, sobre todo, a pureza dos tres sabores, perfectamente diferenciados, pero aunados nunha conxunción perfecta.
O repolo envolve unha agradábel mestura de papada co puré de castañas; os cogumelos por riba, crus, algo bravos, e a redución de carne é un moi bo complemento. Ben.

Nave Nove 30

A ruptura cara á sobremesa prodúcese mediante unha degustación de queixos galegos da Queijaria do Almada. Sen comentarios. Para os amantes dos queixos non pode haber mellor sobremesa; un tipo Cebreiro, un ovella, un mestura… Tanto ten. Os tres moi intensos e saborosísimos.

Nave Nove 33

A sobremesa doce, Bica de café Candelas, castaña e mazá, baixa un pouco o altísimo nivel do resto da cea; nisto coincidimos, de novo, todos os que estamos á mesa. Compría algo máis de intensidade, de definición, de expresión, tal vez de cantidade e dozura.

Nave Nove 36

O petit four que chega co café tamén decepciona un pouco. Unha (si, unha) rosquilla de anís que apenas di nada.

Mágoa este final que deixa un sabor de boca non demasiado doce, porque o resto da cea está a un altísimo nivel só roto por tres ou catro momentos que saltan do nivel alto para converterse en excepcionais e así configurar un menú amplo, equilibrado, moi definido, no que está sempre presente a esencia dos Nove.

O menú son 90€ por persoa (120€ no caso da maridaxe); nós, cos viños mencionados, e outras bebidas, pagamos un plus de 7€ cada un.
O prezo é moi alto pero á maioría de nós compénsanos. Todas pensamos que son moitos cartos, pero que a experiencia paga a pena, que está axustado á cea e polo tanto non podemos falar de ‘caro’. A única diferencia está en pensar, individualmente, se che compensa ou non pagar 90€ por unha soa cea…
E para isto cada quen ten a súa opinión.

Nave Nove
Grupo Nove

Hotel Carris Porto Ribeira
Rua do Infante Dom Henrique 1
4050 – 297 Porto
+34 604 075 172
GPS: 41.141424N, 8.613547O
Facebook
http://nove.biz/
Cociña: de autor
Prezo: 90-120€
Aberto: entre 24 de outubro e 17 de novembro de 2019


Translate »