a modo, cociña orgánica en vigo

A Modo, cociña orgánica en Vigo. Concepto interesante: local atractivo (estilo nórdico moderno), carta orixinal, servizo atento, prezo moi comedido. Cociña que debe matizar a intensidade e conxunción de sabores.

Restaurante A Modo 01

Son tantas as etiquetas de calidade nos alimentos (orgánico, ecolóxico, biolóxico…) que eu acabo por perderme.
Creo e quero deducir que a lexislación europea apenas establece matices insignificantes para diferenciar conceptos que ben poderían refundirse nunha única tipoloxía de produtos alimentarios que: a/ non foron tratados con ningún pesticida ou produto químico, b/ foron cultivados respectando os ciclos da natureza e c/ non sufriron ningún tipo de alteración xenética.

IMG_3877

En realidade estamos ante un xeito global e único de entender a produción de alimentos (de entender a vida) na que unha decisión tira necesariamente polas demais: os matices sobran.

Restaurante A Modo 03

En fin… Fóra teorías xerais e dicionarios, A Modo defínese coma un restaurante de ‘cociña limpa, sana e natural, honesta, respectuosa co noso entorno e co noso propio corpo’. Como valor engadido, cociña cen por cen sen glútem (para todos) e prevalencia (que non exclusividade) para as opcións vexetarianas.
Carta variada con propostas moi, moi atraentes. Pasta de berenxena (asada con verduras crocantes, 5,75€), Hummus (con tostas de pan de trigo sarraceno, 6,5€), Cuarteiróns de patacas asadas (con herbas aromáticas e emulsión de allo, 5.5€), Brotes tenros (con queixo de cabra á prancha e noces, 10.5€), Milfollas (de berenxena, cabaciña e tomate con perfume de allo asado, 5.5€), Falso cuscús (de quinoa e feixóns, 9.9€), Trigo sarraceno (en paella, 8.75€), Aliñas ao allo (con cuarteiróns de pataca e kétchup caseiro, 8.90€), Tenreira richada (feita en wok con arroz integral, 12€), Peixe do día (con fideos de cabaciña e mollo de cogomelos, 13,75€), Polbo afumado (con cachelos, algas e cilantro, 10,80€).

Restaurante A Modo 09
Restaurante A Modo 11Restaurante A Modo 14

Despois dun aperitivo de crema de alcachofas con anacardos, Carmen a Sopa minestrone e eu o Allobranco. Gustei moito do allobranco; suave pero saborosos, moi rico.

Restaurante A Modo 16Restaurante A Modo 19

Pisto con ovo untuoso e Hamburguesa de vaca con cebola morada confeitada, tomate asado, rúcula e emulsión de allo curry.

Restaurante A Modo 21Restaurante A Modo 23

Brocheta de froitas con dip de chocolate negro especiado e Browni con crema de bebida vexetal á vainilla.

Comimos con cervexa de presión (s/g) e pagamos 20€ cada un. Globalmente é un deses locais que califico coma OK: Ben, sen máis…, pero con algún pequeno matiz: intúo que podería dar bastante máis do que dá.
De entrada non teño moi claro como definir a proposta culinaria. Orgánica? É posible que xa se estea a afianzar este calificativo para referirse a un tipo de cociña que queda bastante ben retratada na carta de A Modo. Pero en calquera caso o de ‘orgánico’ ten máis que ver cos xeitos de produción dos alimentos que se utilizan que coas formas de cociñalos. Dito doutra maneira: podemos facer cociña tradicional (ou internacional, moderna, asiática…) con produtos ecolóxicos.
O caso é que a cociña de A Modo pareceume un pouco pasada de revolucións: algún prato con exceso claro de sal (algo reñido coa alimentación sana) e potenciadores-conxunción de sabores ás veces innecesarios.
Poderían subir bastantes enteiros se a ‘limpeza’ e a ‘naturalidade’ dos produtos se trasladase dun xeito moito máis claro ao xeito de cociñalos.

A Modo
Montero Ríos 34
36201 Vigo
986 436 146
Web
Facebook
GPS: 42.240553N, 8.7216110
Cociña: Orgánica
Prezo: 20€

Etiquetado en: , , ,

Translate »