a mellor empanada da rúa do franco?

A Noiesa (Compostela), de caste vénlle o nome e a esencia, escapa un pouco aos tópicos do Franco. Nada de marisco, tapas e pratos tradicionais, cociña esmerada e prezos aceptábeis.

ACO-Santiago-ANoiesa

Non teño por costume deixarme levar polo bum dunha noite de verán, pero o caso de A Noiesa, na turística rúa compostelana, vaise un pouco dos tópicos ao uso.
Ben é certo que, sen pretendelo, foi tocada pola variña máxica mediática cando tivo a sorte de que unha tardiña de agosto se deixasen caer por alí Mel Gibson e familia. As repercusións foron importantes e consolidaron unha sona que apenas viña de nacer.

O local é extraño. Unha mestura de tradición e modernidade nun espazo que semella un patio e que, mércores ao mediodía, está cheo.
A atención é correcta, amábel, próxima.
Carta bastante ampla, cun selo claramente local e un abano de posibilidades que van das tapas ata os arroces, pasando por táboas, tostas, carnes, peixes… Sobremesas case que exclusivamente centradas nos Versos de A Ruda.
Táboas de embutidos e queixos galegos (de embutidos de matanza 9.5€, de queixos galegos 10.8€, mixta 10.8€). As nosas tostas de pan galego quente (de carne asada con cebola crocante e pemento 8.3€, de lacón á galega 8.3€, de sardiñas anchoadas e sardiñas marinadas 12.2€). Da horta e máis alá (ensalada de tomate azul de Santiago con cebola fresca 7.8€, ensalada A Noiesa con leitugas frescas, lacón afumado, queixo Arzúa-Ulloa, noces e vinagreta á mostaza 10.5€). Fontes e sarténs quentiñas (cachelos asados con salsa alioli e pemento 5.5€, pementos de Padrón 5.8€, croquetas caseiras de xamón ou chipirón 8.6€, salteado de verduriñas con ovo escalfado e salsa de trufa 9.2€). O patrón da casa (polbo á feira 15.9€, 1/2 polbo á prancha sobre patacas á noiesa e allada 19.9€). Os nosos arroces (caldoso de lavagante azul 19.9€ persoa, arroz do señorito 17.6€). Os ovos de ouro (ovos campeiros de galiñas en liberdade Pazo de Vilane; patacas á noiesa con torreznos e ovos fritidos 8.2€, zorza con ovos e patacas 8.5€). Do mar á cociña (mexillóns da ría ao vapor 8.9€, chipiróns enfariñados 8.9€, zamburiñas á prancha 14.5€, lombo de bacallau con salteado de verduras 15.5€). Carnes á noiesa (carne asada ao estilo tradicional 13.9€, solombo de vaca premium –200 gr.– con pementos de Padrón e patacas 22€, milanesa de polo 9.5€, solmbo ibérico á prancha con patacas e pementos de Padrón 13.5€).

A Noiesa Santiago 4          A Noiesa Santiago 5

A visita tentounos, basicamente, pola promesa dunha boa empanada de Noia, así que para comezar pedimos unha ración de cada unha das que ofrecen hoxe: de pescada e de mexillón con chourizo.
Sensacionais, as dúas. Cada unha no seu estilo, a masa perfecta, unha un chisco máis gramada que a outra, finiña, triscante, no seu punto de sabor. Por afinidade, que non por outra cuestión, tiro máis pola de pescada, que está ao nivel das mellores que comimos nos últimos anos.
As empanadas fan honor ao nome da casa.

Restaurante San Andrés 09

De segundo pedimos a ‘tortilla de Betanzos’ para dúas persoas. Non chega ao nivel das empanadas pero está boa; se cadra un chisco pasadas as patacas, cun aire gomoso; pero ben de consistencia, de callado do ovo, zumenta, saborosa.

Bebemos unha caña e unha copa de Joaquín Rebolledo e pagamos 11.5€ cada un. Certo que se trataba dunha comida de diario, pero pareceunos un bo prezo.
Leo por aí moi boas críticas aos seus arroces.

Logo nos enteramos de que o cociñeiro de A Noiesa é Juan Carlos Somoza, home con longa experiencia no mundo dos fogóns. Pasou, por exemplo, por Le Bearn, de Xenebra, con dúas estrelas Michelín, e foi director durante dez anos do Centro Superior de Hostelería de Galicia. Unha experiencia que, polo que puidemos ver, queda reflexada na carta da Noiesa.

A Noiesa
Juan Carlos Somoza

Rúa do Franco 40
15704, Santiago
GPS:  42.877954, -8.545441
Cociña: tradicional galega
Prezo: 10-40
Peche: martes; mércores ao mediodía


Translate »