a mamá ou a papá?

O sábado fomos á Aldeana a lembrar a tortilla de pataca e así comparala coas de máis sona en Vigo. Conclusión: non sei se querer máis a papá ou mamá.

La Aldeana 1

Todo vén de cando Marta Valcárcel publicou en Me como Vigo a súa selección de tortillas de pataca elaborada en colaboración cos seus seguidores en redes sociais (Comer tortilla en Vigo: las favoritas de los vigueses).
Fíxenme eco daquel traballo nunha entrada que titulei My Kingom for a tortilla, e inmediatamente puxen mans á apetitosa obra de probar as máis destacadas.

Primeiro foi o Cosmos, logo o San Amaro, o Bar Brillante e, xa por fin, La Aldeana, as catro tortillas de pataca preferidas polos vigueses, visitadas en orde inversa á súa puntuación.

Semella incomprensíbel ver como de dous produtos tan simples e básicos como son un ovo e unha pataca, tratados de igual xeito (pataca fritida e ovo batido por riba), poden resultar pratos tan radicalmente diferentes.

Malia o improbábel do caso, manteño vivas na memoria as diferenzas entre as catro tortillas de pataca propostas; as catro distintas e as catro moi, moi ricas, excepcionais calquera delas. Todas están na liña das tortillas máis zumentas ou sexa, co ovo non moi callado unhas, e outras algo máis callado pero esponxoso.

La Aldeana 4

Cal das catro é a mellor?
Ou, para expresarme con maior corrección, cal é que a min máis me gustou?
Pois situado entre a espada e a parede, obrigado por min mesmo a pronunciarme entre papá e mamá, hei dicir que a que máis me gustou é, tamén, a preferida da maioría das viguesas: a tortilla da Aldeana. Por moi pouca diferenza, mínima, case inapreciábel; pois valoro, na xusta medida, a variedade das tortillas do Brillante, o sabor da do Cosmos, o punto de consistencia da do San Amaro.
Ás veces só é cuestión do momento: pola mañá, ao mediodía, pola tarde, tirando xa á tardiña, ben entrada a noite, de madrugada…, ou da bebida coa que a molles: o café do almorzo, o vermú, a caña de media tarde, un bo mencía, o gin-tónic de última hora…  Ou de que a cociñeira estea de mellor ou peor lúa, da fame e o humor que ti teñas ese día, da compaña, da temperatura fóra…,  en fin, unha chea de variábeis que poden facer que a mesma tortilla se converta noutra moi diferente.
Se cadra, a elección da Aldeana só é cuestión diso, do momento e as circunstancias.

La Aldeana 5La Aldeana 6

Pero La Aldeana non só é tortilla. O sábado estaban ben á vista os dous espectaculares pratos que vedes arriba, e á porta, como é costume dous días á semana, un polbeiro do Carballiño (disque, tamén, o mellor polbo a cidade). Ademais, e se estás de sorte, as croquetas de chocos, as empanadillas, a empanada, a ensalada rusa… Sen segredos: todo moi de sempre, incluídos os prezos.
Como se trataba do aperitivo, nós limitámonos a dous pinchos de tortilla, cun vermú e unha caña, e pagamos 7.80€: todo un festín ben barateiro…

Bar Aldeana
Rúa Rosalía de Castro 6
36201 Vigo
986 43 91 61
GPS: 42.238127N,  8.719375O
Cociña: tradicional, tapas
Prezo: 15€
Peche: domingo tarde, luns tarde