a horta de eloy cancela e kike piñeiro

A Horta do Obradoiro vén pegando forte. O certo é que non lle falta de nada para destacar. Cociña, espazos, atención e prezos forman un cuarteto triunfador na esixente Compostela.

Despois do noso estudo dos mellores restaurantes galegos de 2021 segundo as guías (ver entrada), ocupaba o segundo lugar de urxencias na nosa lista de desexos (pisándolle os talóns ao primeiro, NaDo, en A Coruña).
Co seu Bib Gourmand Michelín, a recomendación de Repsol e un destacado 34 lugar entre todos os restaurantes de A Coruña segundo TripAdvisor, en moi pouco tempo alzouse ata un meritorio 17 lugar da nosa lista dos mellores restaurantes de Galicia. Se deixamos de lado Miguel González (a nosa visita), o NaDo de Iván Domínguez e A Horta son os dous restaurantes que entran con máis forza na lista de 2021. Dos vinte primeiros son os únicos que non entraban no ránking de 2016; todos os demais son vellos coñecidos.

A horta do Obradoiro 10

Comezamos polos espazos. Son tres, e a cada cal máis apetecible. O comedor interior, pequeno pero coqueto, e malia estar atravesado pola zona de paso aos exteriores, semella moi confortable. De segundo, o patio; nun día coma hoxe, no que caen os paxaros, seica é o máis desexado; e, xa para rematar, o que dá sona ao restaurante: a horta (a setenta metros da praza do Obradoiro). Comemos no patio e estivemos perfectos (mágoa dos bancos sen respaldo; hai un momento en que as costas empezan a resentirse).
O servizo é profesional. Sabe estar e tamén non estar; preocúpase de xeito continuo polo benestar dos comensais.

A horta do Obradoiro 8

Por suposto, a cociña. É o elemento que debe definir, por riba dos demais, a un restaurante.
Eloy Cancela e Kike Piñeiro forman un tándem especial, marcado polas diferenzas pero, sobre todo, polos soños comúns. Non andan con moitas lerias; cando se definen, e ademais da ‘pequena aldea’ no corazón da capital de Galicia, tiran polo directo: ‘cociña sinxela e de sabores auténticos, de profundo respecto ao produto’.

A horta do Obradoiro 12

A carta fixa é relativamente curta, pero se completa a diario coa oferta do mercado santiagués.
Atopamos un primeiro apartado ‘para compartir’; con Espárragos brancos con praliné de améndoas (13€), a Ensaladilla de mar (12€), a Ensalada de tomates e queixo acaramelado (10€), a Pataca Pull-Pork (9€) ou as Ameixas á mariñeira (21€).
A continuación están os ‘segundos pratos’: a Fideuá con peixe e ali-oli de allo asado (17€), o Solombo de porco ibérico con mollo de Arzúa (16€) ou o Meloso de tenreira con crema de pataca asada (18€).
Hoxe, a oferta complétase cun puño de opcións presentadas no encerado do día (neste caso, nunha vella, vellísima ventá). Falamos, por exemplo, dos peixes do día (palometa, 60€; Xarda, 12€; pescada con caldo, 21€ ou a pescada en tempura, 17€); e, ademais, e para compartir, as croquetas de xamón (8€) ou o boliño de castaña (10€).

A horta do Obradoiro 15A horta do Obradoiro 17

A crema de queixo con tomatiño, cos saúdos de benvida. Un bocado exclusivo. As lascas de flor de sal e o aire de ceboliño dan forza ao bocado cando se mesturan os zume do tomate coa delicadeza do queixo.

A horta do Obradoiro 18

Comezamos co Boliño de castañas (fóra de carta). Un prato estraño, que me evocou formas e sabores portugueses; en concreto un bacalhau asado sobre verduriñas no interior dun bolo de pan, en Cozinha da Terra, en Louredo, Paredes.
O boliño de castañas é, tamén, un bolo de pan cunha mestura de puré de castañas con chicharróns (febras), con queixo por riba e ao forno; un aire de pemento axuda na cor e dálle un aire moi interesante.
Delicioso. Contundente, potente, dominante, na fronteira do avasalador. Ao primeiro bocado decatámonos de que pedimos comida en exceso, de que este prato debería formar parte dos principais. Gustounos moito. Pero, para ben e para mal, foi o prato que marcou a comida.

A horta do Obradoiro 19

De prato forte pedimos unha ración de Arroz negro con peixe sapo.
É unha xenerosa ración para unha persoa.
Está moi bo; o arroz negro, con toda a súa intensidade, e os lombos de peixe sapo marcados na prancha por riba. De novo sabrosón e potente.

A horta do Obradoiro 20A horta do Obradoiro 21

A orella agridoce é outro entrante para compartir.
Unha preparación absolutamente novidosa que presentada por riba da clásica, poden facer as delicias dos amantes da orella (coma min). A orella en tiras moi finiñas rebozada e fritida: simplemente boísima; a cama de orella en dados co tradicional aceite e pemento tamén está exquisita, pero xa é un sabor bastante máis coñecido.
Despois do bolo e o arroz, apenas puidemos coa metade da ración de orella.

A horta do Obradoiro 22A horta do Obradoiro 23

O caso é que había que deixar espazo para o ovo de oca (hoxe de galiña) fritido, con allo-porro asado, crema de xamón e cebola crocante. Unha reinvención dos ovos rotos na que domina o allo porro pero ben ensamblado co ovo a crema de xamón e a cebola. Bocado moi rico…, pero que case non puidemos degustar coa frescura que merecía. Chegamos un pouco saturados de sabores potentes e co bandullo protestando polos excesos.

Se teño que dar unha recomendación para visitar A Horta do Obradoiro, esta é, precisamente, que hai que ser moi prudentes á hora de elaborar o menú; a racións –sobre todo as de ‘compartir’– son moi abundantes; e se, ademais, optamos por opcións dominantes, o resultado pode acabar en saturación.

Tanto, que non chegamos ás sobremesas. E iso que había unha Escuma de mazá asada con xeado artesán de canela ou unha Infusión de froitos vermellos e xeado artesán de iogurt que prometían un festín para os máis lambóns.

A horta do Obradoiro 25

Comemos con unha caña, unha copa de viño mencía e unha auga grande; tomamos dous cafés e pagamos 31€ cada un. Pareceunos un moi bo prezo para a comida que degustamos. Podería ter sido aínda máis barato de ter pedido con máis sentidiño; seguro que tamén teríamos degustado algúns os sabores dun xeito máis completo.

Cando o río sona… Estamos ante un restaurante absolutamente recomendado.

A Horta do Obradoiro
Kike Piñeiro e Eloy Cancela

Rúa Hortas 16
15705 Santiago de Compostela (A Coruña)
881 031 375
www.ahortadoobradoiro.com
Facebook
Instagram
GPS: 42.880757N, 8.5472160O
Cociña: Galega, mercado / Rexional
Peche: Domingo e luns
Prezo: 25-50€
Repsol: Recomendado
Michelín: Bib Gourmand
TripAdvisor: A Coruña 34