a costrada da cantina do río covés

A costrada da Cantina do río Covés é unha obriga para todo amante da gastronomía tradicional galega. Cociña clásica nun fermoso comedor a prezos por debaixo do que cabería esperar.

OLibrodaEmpanada

A costrada é típica de Pontedeume e, por mor da laboriosidade da receita (e por desgraza), cada vez son menos os locais que a preparan.
Para saber algo máis procuro información no magnífico O libro da empanada, de Fina Casalderrey e Mariano García (Ed. Xerais, 1997).
O que caracteriza a costrada é a masa (follada a base de capas moi finas e moito secretismo no tocante aos ingredientes) e o feito de que leva dúas ou tres capas de compango separadas por masa untada con graxa de porco. Pode ser de carnes (tres capas finas de masa, zaragallada con polo sen ósos, masa, zaragallada con raxo, masa, zaragallada con xamón, tres capas finas de masa), de mariscos ou de peixes.
O resultado é un prato contundente para saborear aos poucos acompañado dun bo tinto con forza e corpo.
A costrada de Pontedeume está moi pouco documentada de xeito escrito e a súa supervivencia é por tradición oral dentro das familias. Debido a isto, e aos tempos que corren, ten un futuro incerto…

Cantina Rio Coves 11Cantina Rio Coves 09Cantina Rio Coves 12

A costrada que probamos hoxe na Cantina do río Covés é de cocochas de bacallau, lagostinos, cogomelos e xamón. O compango non está nada graxento e si chama a atención que a cebola e o pemento están cortados en anacos non excesivamente pequenos; o resultado final non se fai seco en absoluto, ao contrario, dentro da contundencia do prato, entra moi, pero que moi ben.

Cantina Rio Coves 07Cantina Rio Coves 08

Antes da costrada, unha Crema de cabaza con queixo afumado e po de tomate, e uns Ovos camperos con chourizo e patacas. Moi ben.

Cantina Rio Coves 04

A Cantina do río Covés está construída sobre a base da edificación familiar, no esteiro do río, e decorada con sobriedade e acerto nun estilo rústico-burgués.
A carta é bastante ampla e reflexo da envexable ubicación do local (entre o mar, o río e a montaña). Tosta de roxóns e queixo, Tempura de verduras de tempada, cogumelos e setas con maionesa de soia, Caldo, Croquetas caseiras… Choco con arroz, Pescada de Celeiro con fabas de Lourenzá, Polo de curral asado á antiga, Entrecosto de tenreira suprema galega con mollo de queixo do cebreiro…

Cantina Rio Coves 01

Tras o exceso da costrada non chegamos ás sobremesas (requeixo con amorodos, torta de chocolate, cañas recheadas de crema…); con auga e botella pequena de Azpilicueta crianza pagamos 25 euros cada un. Prezo moi comedido para o nivel do local, a calidade da cociña e a exclusividade de poder probar a costrada.
Visita imprescindible antes de que vos teñades que arrepentir.

Cantina do río Covés
Esteiro 9, A Nogueira
15600, Pontedeume, A Coruña
981 434 057
Web
Facebook
GPS: 43.402057N, 8.159080O
Peche: noites de luns a xoves
Cociña: Tradicional
Prezo: 25-30€
Guía Repsol


Translate »