a cociña galega con cunqueiro

Non descubro as especias ao afirmar que a Cocina Gallega, de Cunqueiro e Araceli Filgueira, é, para min, moito máis que un libro, diría que chega ao nivel da icona, ‘o’ libro da cociña galega. (Icona: parte dun todo que, como símbolo que ten unha semellanza formal co todo, chega a representalo).

cocinha_cunqueiro_1     cocinha_cunqueiro_2

A nosa é unha cuarta edición de Everest, do ano 1985.
O pobre está moi gastadiño de tanto uso, de tanto servizo polo ben común, de tanto papel que hai entre as sus follas con vellas receitas ás veces non se sabe moi ben nin de que nin de quén.
Estamos no ano do centenario de Álvaro Cunqueiro.
O Consello da Cultura Galega está a organizar todo tipo de actos para conmemoralo.
Unha das vertentes fundamentais da escrita de Cunqueiro é, sen dúbida algunha, a gastronómica: de libros temáticos, de colaboracións en prensa, das pinceladas que asoman en toda a súa narrativa.

Conello da Cultura Galega e Cunqueiro

A Cociña Galega con Cunqueiro é unha inciativa do CCG na que un feixe de bos restaurantes espallados por toda Galicia, e a partir do mes de xuño, ofrecen no seu menú algún dos pratos que forman parte do imaxinario gastronómico de Cunqueiro; dependendo das circunstancias serán recetas textuais, adaptadas ou reinventadas.
As persoas que soliciten algún destes pratos cunquerianos serán obsequiados cun exemplar do libro Na mesa con Cunqueiro: Antoloxía gastronómica e literaria, do blogastrónomo Miguel Vila (Colineta).

miguel_vila_cunqueiro

Por certo, ‘pido’ prestada a imaxe coa portada do libro a outro blogastrónomo de pro, Manolo Gago (Paparotas & Co/Capítulo 0), que non por casualidade é o responsable e alma mater do proxecto.
Por non facer feos dicindo algúns dos restaurantes que a día de hoxe están á mesa con Cunqueiro (o feo sería polos outros, polos que quedarían fóra), abonda con dicir que están presentes todas as grandes asociacións de restaurantes e cociñeiros de Galicia: Amigos da Cociña Galega, Galicia Gourmand, Grupo Nove, Grupo Lareira, Xantares, Club Gastronómico Rías Altas e Asociación Gastronómica Comp&Go.

cartel_cunqueiro

Toda a información na páxina do Consello da Cultura Galega.

Posted in varios and tagged , .