a carvalheira

Xa me tardaba o tempo de renovar os meus votos en A Carballeira.
En especial desde que Pedro Cruz (O Gastrossexual), colaborase con Pantagruel (Pantagruel, supongo), no post interfronteirizo El bom comer y el bem estar del Norte de Portugal. Nel, Pedro Cruz, e para cando andas de turismo polo norte, propón tres restaurantes tan diversos entre si como o DOC, o Largo do Paço e A Carvalheira. Deste último, en concreto, escribe que ‘se há restaurante que se posiciona como farol da cozinha minhota, esse restaurante é A Carvalheira’.

Restaurante A Carvalheira 12

A Carvalheira, en Arcozelo, Ponte de Lima, é un restaurante de sempre e para sempre, un clásico na súa decoración e oferta gastronómica.
Somos tres e achegámonos ata aquí para celebrar o oitenta e tres aniversario da miña nai. Chegamos no mellor momento, é sábado, son as dúas e cuarto, e a duras penas conseguimos que nos habiliten un oco. Isto vén confirmar a recomendación da maioría dos apuntamentos que coinciden en que na Carvalheira sempre é necesario reservar.
E xa que andamos de guías, comentar que A Carvalheira non é santa da devoción das guías de referencia. No estudo Comer en Portugal segundo as guías,  ocupa un discreto posto no numeroso grupo de restaurantes recomendados por dúas guías. Nunha, a de José Silva, Restaurantes de Portugal 2010, resulta destacado; na Guía BCBM aparece unicamente mencionado.

Restaurante A Carvalheira 1Restaurante A Carvalheira 10

A Carvalheira, polo gran carballo omnipresente na paixase e na decoración.
Xa no interior, o ambiente responde aos cánones da decoración miñota sen ningún tipo de concesión ou estridencia; a sala distribúese amparada por unha vella lareira de pedra, e, a partir dela, soamente máis pedra e moita madeira; pedra nas paredes e madeira, en especial, nas vigas e no entramado do teito, madeira que, por momentos, vese xa comida pola traza e que dá fe da solera do espazo en que está o restaurante.

Restaurante A Carvalheira 15Restaurante A Carvalheira 9Restaurante A Carvalheira 17

A carta é ampla e totalmente dedicada á cociña do norte de Portugal; destacar que, en contra da tradición, a casa non pon entrantes por propia iniciativa, hai que pedilos. Entre eles hai un pouco de todo, pataniscas, enchidos e fumados entre os que destaca a alheira de caza, polbo, salada de bacallao, mexillóns… Como prato forte vexo ao meu arredor moito bacallao á brasa, cabrito, arroz de pato, posta de vitela, arroz de sarrabulho… o mellor e máis representativo da cociña da zona.

Restaurante A Carvalheira 19Restaurante A Carvalheira 21

Decidimos ser fieis ao local e pedimos o que a tradición marca ao turista en Portugal: pataniscas de bacallao e bacallao con broa. Os dous sinxelamente perfectos. As pataniscas, coa consistencia xusta, saborosas, perfectamente escurridas, torradiñas por fóra e sen unha pinga de aceite… E o bacallao, sen dúbida, o mellor bacallao con broa dos que teño comido en Portugal; o bacallao, de primeira, desalgado no punto exacto, e a broa… a broa sensacional, única, as patacas, a verdura…
Claro que nos quedaron no tinteiro o cabritiño e o arroz de pato, un bo peixe grellado…, quiza menú para volver unha vez ao mes.

Restaurante A Carvalheira 23

A proposta de sobremesas de novo ampla, variada e fiel á cociña rexional.
Hai Volcán, Baba de Camelo, LeiteCreme, Salada de froitas, Mazá asada, Piña Natural… Pedimos dúas Peras Bébedas e un Bolo de Bolacha.
Carmen é a especialista en tarta de galleta e opina que esta é das mellores; o leve  toque a Restaurante A Carvalheira 24café e a propia consistencia da galleta (produto dunha meceración xusta), fan da tarta un bocado que se expresa por si so.
Da pera bébeda dicir que nunca probei outra que se achegase tanto á que eu fago na casa; a pera coa cocción e a textura xustas, o xarope doce mais non empachoso, co sabor ao viño e o imprescindible  e delicado toque a canela.
Por certo, de viño, un que nunca me falla: un Duas Quintas de 2007 (tinto do Douro de Ramos Pinto), en botella pequena.
Ah!, coidado coas racións, son familiares; por recomendación do camareiro pedimos unha dose e media de bacallao para os tres e aínda sobrou unha cantidade significativa.
E a guinda á comida chegou coa nota: dúas de pataniscas de bacallao, unha e media de bacalla con broa, dúas peras, unha tarta de galleta, a botella pequena de dúas quintas, dúas aguas e un café, total 57 euros.
A cociña tradicional do Miño ten moitas e moi destacadas casas de comida, eu son incondicional de varias delas (entre elas, como non, desta Carvalheira), así que non me atrevo a compartir ao cen por cen a afirmación de Pedro Cruz no referido a que ‘se posiciona como farol da cozinha minhota’; máis ben diría que se trata dun dos referentes de comida no norte de Portugal.
Polo que ao meu xuízo toca, dicir que esta vez regresaba a A Carvalheira… e que pouco tardarei en volver.
Restaurante A Carvalheira
Estrada Nacional 306
Antepaço, Arcozelo
(4990-231) Ponte de Lima
Tel: 258 742 316
Fax: 258 944 672
Enderezo-E
XPS: 41º 46’ 29”N 08º 35’ 33” W
Localización en Google Maps
Guía de Restaurantes de Portugal: Destacado
Guía BCBM: Mencionado


Translate »