a arte de receber em casa

B My Guest é un concepto orixinal e (relativamente) novidoso.
O matrimonio Margarida-Fernando, previa reserva, convídannos ao seu fogar e recíbennos para unha comida que resultará diferente, harmoniosa, moi agradable, perfecta.

 b my guest porto 06 b my guest porto 07

‘Dálle máis sabor á túa viaxe; descubre experiencias gastronómicas con anfitrións locais en máis de 130 países’. (Da páxina de Eatwith).
’Supper-Club é um conceito internacional que oferece a possibilidade de experimentar uma refeição em ambiente familiar, numa casa particular.
Permite, por outro lado, que um
chef amador partilhe a sua paixão pela gastronomia, dando a conhecer aos (novos) amigos que recebe no ambiente informal da sua casa, o seu trabalho na cozinha’. (Do Facebook de B My Guest)
Diso trata, precisamente, o modelo.
Comentáballe a Fernando que realmente non lembro como cheguei á súa casa; pero o que si sei é que se me antollou coma o xeito perfecto de celebrar a miña xubilación cos amigos da Illa.
Non sei como, pero cheguei a un número de teléfono… e chamei; “Olá, você organiza refeições em sua casa para grupos de fora?”. E así comezou a historia. Un par de correos. Unha proposta en firme de menú e prezo. A nosa aceptación…

b my guest porto 01 b my guest porto 04

E aquí estamos hoxe os seis, nun céntrica rúa de Porto, diante dunha fermosa casa de estilo pre-racionalista.
O recebemento correspóndelle a Margarida, que vai actuar en todo momento como a anfitriona perfecta. Calorosa, atenta, delicada, infinitamente cortés e educada.
O salón da casa resulta ser un marco inigualable. Soborda vida e historia por cada detalle da decoración. Centos de fotos familiares, algo de arte, oportuna música de fondo….
Son as dúas e media en punto (hora da nosa cita) e os entrantes fríos repousan amigables nunha mesiña-camilla. E, para dar conta deles, un Porto Tónico.

b my guest porto 08 b my guest porto 09b my guest porto 10 b my guest porto 11

Os entrantes fríos, os anunciados: tábua de queijos, azeitonas temperadas, patê de atum, paio de lombo, pão e tostinhas. Será o ambiente, será a hora, a conversa, a bebida… non sei en concreto o que será pero todo está de morte.

b my guest porto 14

Por conta do cociñeiro e fóra do menú, unha alheira á prancha que lembra as que tomamos ultimamente en Chaves. Fernando non ten ningún reparo en explicarnos a receita (debe estar fría da neveira; quitar a tripa de fóra; cortar con moito tento en rodelas e, sen máis, sen aceite nin nada, uns minutos na frigideira). Xa cara ao final pasámonos ao viño branco do Douro (rico, intenso, con moita froita e algo floral).

b my guest porto 16

Saltamos á mesa; irmá xemelga da anterior pero con tamaño exacto para que seis persoas poidamos vernos cara a cara, de cerca, e comer comodamente sen molestarnos.
O Creme aveludado de ervilhas responde á perfección ao seu nome: aveludado; un agarimo para os sentidos; unha crema de chícharos extremadamente delicada e saborosa.

b my guest porto 17 b my guest porto 18

O prato principal foi escollido por Fernando de xeito intencionado. Como logo nos comentará, o que máis lle gusta ofrecer na súa casa son pratos que normalmente non imos atopar nun restaurante. E, efectivamente, temos probado numerosas caldeiradas de peixe ou marisco (Nau dos corvos, Caminha, Segredos do mar…); pero, ata hoxe, non de bacallau.
Está fantástico. Non desmerece en nada outros, por dicilo así, máis ‘profesionais’. Todo no seu punto: a pataca desfaise na boca, o bacallau, en anacos pequenos, dá forza e sabor ao prato, os pementos ao dente, e o mollo… para darlle ao pan e non parar. Para o peixe pasamos ao viño tinto, tamén do Douro –como non podía ser menos–, e tamén cunha calidade máis que decente.

b my guest porto 19 b my guest porto 20

A sobremesa é a suma de dous tópicos que, unidos, pasan a formar un prato orixinal e rico: Mousse de chocolate e ananás. En especial a mousse; Margarida cóntanos que a receita orixinal vén da súa avoa; que esta legouna á súa filla e que ela tentou mellorala con algunha aportación propia; e que desta pasou á propia Margarida e a Fernando para que el tamén lle dese o seu petisco de imaxinación. O resultado é unha mousse simplemente espectacular. E o contraste co ananás… mmmm… unha mestura perfecta.

b my guest porto 21

Co café chega a copa de Porto Tawny e a conversa.
Por primeira vez no día Margarida e Fernando únense a nós de xeito aberto para unha parolada na que falamos da comida e de mil cousas máis. Unha gozada.
Traio unha chea de lugares ‘menos turísticos’ para comer en Porto e alrededores. Traio, tamén, un enderezo de Internet: Eatwith. Trátase dun site para ver e reservar ‘Unha clase de cociña en Roma, unha cea nunha azotea en Barcelona, un evento privado en Londres… Para navegar entre os eventos culinarios cos nosos anfitrións seleccionados’.
E, entre eles, o B My Guest, este ‘ser o meu convidado’ que Fernando e Margarida defenden con máximo cariño e que desde xa mesmo pasa a ocupar un lugar especial na nosa pequena historia de experiencias gastronómicas e celebracións.

O prezo, acordado e pechado, é de 40€ por comensal.
Non vou dicir que é un regalo, porque non, porque non o é; unha comida de 40 euros xa está a un nivel que debe superar a media e ofrecer ‘algo máis’. Pero o que si digo claramente é que a min non me pareceu caro. A experiencia, a orixinalidade do modelo, a tención exquisita, a cociña, a cantidade de comida, a cantidade e variedade de bebidas, o traballo das persoas… son algúns –só algúns– dos aspectos que valoro no meu claro posicionamento: non me pareceu unha comida cara.

B My Guest – Supper Club
Fernando Tavares

Porto (centro)
Margarida: 966 009 670
Fernando: 919 529 770
Facebook
Horario: exclusivamente previa cita
Comida: tradicional portuguesa
Prezo medio: 40€

Etiquetado en: , ,

Translate »