25 anos en primeira liña

Aproveitando a XII edición da Festa da vieira de Cambados e que tocaba celebrar as cármenes, o sábado 20 tiramos por un clásico.
Cambados non é praza fácil, diría que das máis difíciles de Galicia; posúe propostas varias, con garantías, para todas as cores do espectro gastronómico.

 _1100486

Ribadomar nace en 1988 como herdeiro natural dun dos locais que, desde os anos sesenta, fixeron que Cambados sexa o que agora é: O Arco.
Se as matemáticas non fallan, estamos no ano do 25 aniversario de Ribadomar. 25 anos aí, en primeira liña, non están ao alcance de calquera.

Restaurante Ribadomar

O restaurante Ribadomar mantén con absoluta dignidade a estética dos anos en que o naceron. Madeira, cadros nas paredes, diversidade de obxectos espallados polo local… Decoración recargada pero sen estridencias, equilibrada, en perfecto estado de conservación; non forma parte das miñas preferencias pero resulta agradable, casa á perfección coa proposta culinaria.

Restaurante RibadomarComedor restaurante Ribadomar

O primeiro que destaca na carta é o produto; estamos en plena ría de Arousa e no centro mesmo do Salnés. Carta baseada no mar e xenerosa oferta de viños da zona. Ademais, algunha proposta de viva voz, do día, en función do mercado.
O segundo, as preparacións. Hai dúas liñas claras que se repiten, con máis ou menos variación, para a maioría do peixes. Cociña tradicional galega (peixes na prancha sen máis, tamén cocido, con allada, con algún mollo clásico tipo vinagreta…); pola outra banda está unha cociña máis internacional, na liña da cociña francesa, da que no seu momento se deu en chamar ‘alta cociña’ (peixes en cazola, en mollos baseados na nata, na manteiga, co seu toque de fariña, con produtos e sabores mesturados, ás veces pouco nítidos…).

_1100469

Comezamos, como non podía ser menos aquí e hoxe, cunha vieira ao forno para cada un. Fantástica, no seu punto, natural, sen apenas nada que enturbe a súa calidade. Preparación tradicional: lixeiro rustrido de cebola cun toque de cor, pan relado e ao forno.

Pescada RibadomarLinguado con vieiras Ribadomar

Pedimos dous peixes máis elaborados para compartir.
Seica calquera dos dous ten sona nos mentideiros gastronómicos. Trátase da ‘Pescada Ribadomar’ e do ‘Linguado fileteado con mollo de vieiras’.
Xenerosa roda dunha pescada marabillosa; con pataca cocida, espárrago e un anaco de pemento chouriceiro; non fondo quero intuír un mollo moi lixeiro de nata que dá absoluta liberdade de sabor á pescada. Ben.
O linguado, sen espiñas, fileteado en pequenos bocados rebozados e fritidos, tamén con pataca cocida e vieiras sen cuncha; o mollo máis denso, máis dominante, con máis sabor, enmascara un pouco o valor do linguado.

Variado sobremesas Ribadomar

Selección de sobremesas caseiras; unha filloa de nata, unha cana de crema, torta de queixo quente, torta de améndoas.
Os catro, sen excepción, grandes bocados. Moi ricos. A masa da cana, moi parecida á nosa. Malia todo o meu bocado preferido é a torta de améndoas, moi boa, non demasiado compacta, tampouco empalagosa, todo améndoa.

Cada quen ten que pensar nas súas preferencias para establecer a orde, pero sería pecado mortal dubidar de que en Cambados, antes ou despois, hai que pasar por Ribadomar.
Pola comida, pero tamén porque é unha parte da historia.

Restaurante Ribadomar
Rúa Valle Inclán, 17
36630 Cambados
Teléfono: 986 543 679
Móbil: 649 864 029
Fax: 986 526 949
E-Electrónico
Web
GPS: 42° 31′ 5.06″N   8° 48′ 44.06″W
Localización en Mapas de Google
Michelín: BG
Repsol: SI
TripAdvisor: 5 de 24 en Cambados con 25 recomendacións.
Verema: 6.9
Os 100 de C,LE: Posto 31 de Galicia.

Posted in pontevedra, restaurantes, salnés and tagged , , , .